“Muros mira ao mar” reivindica cun amplo programa festivo o orgullo de ser muradán

10 Xullo 2026

O Concello de Muros celebra desde a mañá deste venres 10 de xullo e a ata o domingo 12 pola noite as XXI Xornadas Mariñeiras Muros Mira ao Mar, este ano baixo o lema Un mar de fala.

Milleiros de persoas visitarán Muros para pasear polo mercado mariñeiro e participar nos concursos, obradoiros, a programación infantil e as visitas guiadas. A gastronomía local é tamén protagonista, así como a música e as exposicións.

O programa pódese consultar ao detalle na web municipal.

Na inauguración das xornadas participaron a alcaldesa de Muros, María Lago; a concelleira de Cultura e Turismo, Caridad González, e a concelleira de Promoción Económica, Laura Rivadeneira.

María Lago destacou que este evento “trae tres xornadas festivas para reivindicar con orgullo quen somos e de onde vimos”, asegurando que “toda a veciñanza de Muros leva o salitre dentro e é un motivo de gran ledicia ver como estas xornadas son xa un referente, con milleiros de persoas que nos visitan”.

A alcaldesa agradeceu “o traballo e o esforzo de todo o persoal do concello, que moitas veces non se ve pero é imprescindíbel para celebrar con éxito un evento como este”.

Caridad González puxo en valor “a implicación de todo o tecido asociativo e da veciñanza para poñer en marcha Muros Mira ao Mar, neste ano cunha decoración moi especial polas rúas de Muros”.

En palabras de Laura Rivadeneira, “o que fai diferente a Muros é tamén o que lle da tanto valor. O mar é traballo e tamén son palabras e memoria. O mar creou as súas propias palabras e temos que conservar esta riqueza da nosa fala”, mostrando un agradecemento especial “ao persoal da Brigada de Obras polo seu traballo nestes días”.

Tras a inauguración oficial co Orfeón Ría de Muros, celebrouse o faladoiro Un mar de fala, un encontro que puxo en valor dunha forma moi amena a riqueza da lingua galega vencellada ao mar, as expresións, palabras e xeitos de falar propios da tradición mariñeira que forman parte do patrimonio cultural e inmaterial de Muros.

No faladoiro participaron Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega (RAG), e Vicente Brea “Chente”, mariñeiro muradán, que compartiron a súa visión sobre a importancia de conservar este legado lingüístico.

A música volverá ser unha das grandes protagonistas de Muros Mira ao Mar. Durante tres días, o Curro da Praza acollerá unha programación que reunirá algunhas das propostas máis destacadas da música galega actual e da tradición popular. Esta noite, Sés; mañá sábado, Tona, e o domingo o Festival Folclórico coa AF Ximiela (Muros), AC Rosalía de Castro (Teo) e Amendoeiras em Flor (Portugal).

As xornadas ofrecerán tamén unha ampla programación de obradoiros e actividades para público familiar, pensadas para achegar a cultura mariñeira e os oficios tradicionais aos máis pequenos e ás súas familias.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.