“Memoria de sombra y bosque” – Xulio Xiz

13 Xullo 2026

Que responsabilidade vir presentar un libro inmenso, profundo, sensible, como esta nova obra de Fany Padullés, e que temor pola miña parte de non ter os coñecementos e, sobre todo, a sensibilidade precisa para presentar unha novela coma esta, que é coma un torpedo á liña de flotación das persoas que queren e saben pensar.

Pero tamén, que ledicia, vir a Paradela presentar o novo libro de Fany Padullés, a debuxante – magnífica – e escritora – auténtica revelación­ – que nos agasalla acotío cos seus traballos, que evidencia unha fortísima personalidade, unha graza artística natural, e unha querencia por esta terra que transmite de xeito expresivo, natural, contaxioso…

En moitas obras das que se presentan ao Certame literario de Paradela, convocado polo concello na honra e memoria de Manuel Oreste Rodríguez López, os autores, das máis diversas procedencias, falan dos ríos e dos montes, da paisaxe e das xentes, do Camiño de Santiago co fito dos cen kilómetros a Compostela…

Algúns ousan mencionar a hospitalidade dos paradelenses, a fermosura da natureza, e os que máis arriscan, mencionan algún protagonista que naceu en Paradela, que emigrou moi lonxe e tardou moitos anos en volver, e cando por fin volve aprecia o paso dese tempo nos costumes, nas persoas, na vida…

Pero ás veces, a realidade supera a ficción, e calquera destes anónimos participantes podería aínda máis forzar o argumento para falar dunha rapaza que naceu fóra, a mil quilómetros de distancia, en Vilada, na comarca de Bergueda, da Barcelona catalá, con idioma e costumes moi diferentes, que escolleu o rural de Paradela para vivir e traballar, facendo arte nesta nova patria; facendo patria desta nova terra, que como a súa orixinal ten paisaxes de montaña e verde, natureza e pedra…

Viladís e viladinas, como os paradelenses seguro que todos se coñecen, e cando a nostalxia de Fany reverdeza as súas lembranzas pode achegarse á Ruxidoira, no río, moi preto desta casa, que sen dúbida lle lembrará a Esclusa e muíño do Campo do bosque de Vilada.

Pero a querencia de Fany por Paradela, pola terra e o idioma, as xentes e a natureza, quedou patente cando interviu nos actos do bicentenario do voso Concello, con coñecemento e convicción, e nos falou da súa casa de aquí na aldea; dos olores, das cores e dos sons; dos elementos da natureza, do verán e do inverno, cunha expresiva sensibilidade galega! como corresponde a unha artista que elixe sen ataduras un sitio que comproba perfecto para asentarse en familia, para crear e para quedar a vivir…

Esa vivencia paradelense proporciónalle un contacto especial coa xente, maior ou moi nova, e é unha asíiua do colexio de Paradela, onde as paredes proclaman que aquí vive unha pintora… como o proclamou especialmente cando fixemos o libro A Paradela dos máis novos e Fany estableceu o marco imprescindible para que os nenos participasen cos seus debuxos e comentarios…E para este libro dos nenos de Paradela debuxou vacas, xabarís ou cervos…paisaxes con tractor e labrega… rios, ovellas, igrexa, piscina ou eólicos; e a banda que toca, e a feira do quince de maio; a Ribeira sacra e o viño; a Ruxidoira, o Miño, a escola, san facundo e o Loio…

Resumiu en debuxos que agasallan os ollos a vida desta terra para que nenos e nenas puideran contarnos como se ven eles aquí, e como ven o mundo no que viven; como diría Celso Emilio Ferreiro, como ven este paraíso “onde o mundo se chama Paradela”.

Hoxe, xuntámonos en Paradela, para proclamar que Estefanía Padullés ven de dar á luz un novo libro, Memoria de sombra y bosque co que racha con esquemas e barreiras, e asómanos a un mundo co que non contábamos, un deses mundos que precisan unha luz que os ilumine, que resalte e destaque, de xeito que chame a nosa atención, e nos asombre, nos inquiete, nos provoque.

Hércules de Ediciones, que publica esta nova obra de Fany, dinos que esta é a historia dos que están etiquetados como “os outros”, os abandonados, os perigosos, os esquecidos.

Paul Eluard, poeta francés, é o autor da frase que leva dado moitas voltas ao mundo, e proclama: “Hai outros mundos, pero están neste”. Tense utilizado por diversos autores de ciencia-ficción para chamar a atención de cousas especiais da Terra que habitamos, pero a súa mellor aplicación vén ser para comprender as diversas realidades que se poden contemplar neste noso complexo mundo.

Neste mundo as diversas realidades son como compartimentos estancos que se manteñen como tal aínda que consideremos que a sociedade é perfectamente permeable, e que é imposible illar ningunha realidade das demais que existen.

E sen embargo o mundo dos vellos – o mundo dos asilos, por exemplo – resulta ser un mundo aparte; e hai mundos especiais segundo a raza, que ás veces son como ghetos; mundos diferenciados polos xeitos de apreciar o fenómeno do sexo… hai o mundo da liberdade e os mundos do cárcere, para arredar da sociedade a persoas que non respectan as regras de xogo que a sociedade establece…

E Fany Padullés neste libro, fálanos de nenos e nenas, rapaces e rapazas que por calquera circunstancia da vida nesta sociedade aparentemente tan protectora, ven de repente rachada unha realidade feliz… ou que nunca disfrutaron desa felicidade e alguén busca solución para unha situación tráxica… ou que teñen unha postura diante da vida que os fai problemáticos para o seu entorno.

A autora mergúllase na realidade, na problemática, dun grupo de rapazas e rapaces, que viven nunha institución coma as que todos sabemos que existen – a algúns destes centros, non hai aínda moito tempo que se lles chamaba reformatorios -, coidados por profesionais conscientes e entregados, que a teoría establece como substitutos temporais – temporadas longas – dunha familia que fixo crise, que sufriu unha catástrofe, ou que nin sequera existe.

A filosofía dos centros é a de procurar que os rapaces alí atendidos sintan aquelas casas como a súa familia, substituto da familia que fallou pola causa que fose, ou da familia que non existe.

E os nenos, – todos fostes, fomos, nenos -, estamos preparados para medrar nunha familia normal que establece normas, que sementa amores, que converte as casas en fogares, nas que coñecemos problemas que imos aprendendo a solventar; a vida, en resumen, é unha escola.

Pero os rapaces que están internos en casas que queren ser familias, que eles saben que non o son, teñen que interpretar papeis non aprendidos, desaxustados, para os que teñen que prepararse sen axudas, sen exemplos, sen tempo, sen amor…

Dixen ao comezo que este é un libro inmenso, profundo, sensible… Un libro que só esixe do lector que cando abra os ollos para ler, se abra tamén de corazón e de sensibiiidade. Porque eu creo que o que nos demostra Fany con esta rotunda publicación é coñecemento, sensibilidade, para entrar nun mundo difícil, sentilo, analizalo, explicalo… darlle voz aos sentimentos de rapaces e educadores, comprendelos, sintonizar coa carga vital de mozos e mozas de quince anos, que cando comezan a descubrir o amor, teñen arredor de si un mundo pechado, do que é imposible saír.

“Memoria de sombra y bosque!… “Sombra”… Ninguén como Rosalía para falar dunha sombra sobre a vida: “Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombra; aos pés dos meus cabezales tornas facéndome mofa…./… Non me abandonarás nunca, sombra que sempre me asombras”.

Desde o comezo, a sombra, “infinitamente máis doce que a morte”. E volvo a Rosalía: “Teño medo dunha cousa, / que vive e que non se ve… Teño medo á desgracia traidora, que ven e nunca se sabe onde ven”.

Memoria de sombra y bosque, fai especialmente verdade o aserto de Paul Eluard: Hai outros mundos pero están neste. E por pequeno que sexa cada un deses mundos sempre terá a inmensidade inabarcable que cabe no cerebro dun ser humano. Inmenso, profundo, sensible… como o cerebro, os pensamentos, o corazón e a vida, de cada un de nós.

(Texto da presentación do libro Memoria de sombra y bosque, de Estefanía Padullés, na Casa da Cultura de Paradela o 26 de xuño de 2026)

Outros artigos

“Todas as culpas recaen en Pedro Sánchez”. Antón Luaces

Dí o PP que Pedro Sánchez "non quere un Rei preto do pobo; o PP, sí". Segundo fontes do partido, o PP vai exercer presión parlamentaria no Congreso para esixir explicacións ao Goberno e a visita do presidente de Ceuta ao palacio de Marivent , residencia vacacional dos...

+

“Detrás do manto de poder”. Luís Celeiro

Que estará pasando para que ninguén, nin os máis listos, saiban nada do que pasa. Un deputadogalego, despois dunha crise política que se cargou a parte do goberno autonómico, dixo coa man nopeito, do lado do corazón, aquí, “pasou o que pasou”. Todos o entenderon....

+

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polosalcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dostextos das esquelas que se publican nos xornais.O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas...

+

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

El rey ausente. Los muertos son números que forman parte de una estadística. ¿Números? Si. Si muere en el exterior, es el número del pasaporte, si muere en el hospital en número de la seguridad social, si muere en casa el número del DNI. Los 100 muertos en el mar,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Menores y Marruecos” – Manuel Domínguez

“Menores y Marruecos” – Manuel Domínguez

Un menor debe ser entregado a su familia, lo contrario puede entenderse como secuestro, aunque sea un llamado secuestro involuntario, un estado no puede quedarse con un niño que pertenece a otro país debe ser devuelto y entregado a su familia, por otra parte no se...

“Nómades e emigrantes” – José Manuel Pena

“Nómades e emigrantes” – José Manuel Pena

Que está a acontecer coa falta de humanidade cara a moita xente que sae dos seus países en busca dun futuro mellor, lonxe da miseria económica e da falta de liberdade ou vivindo situacións de conflitos armados. Son persoas inocentes pero pobres, sen máis nada que o...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.