Rianxo rende homenaxe dende este mércores 22 de xullo a un dos seus produtos estrela: a xouba. Faino na Festa da Xouba, que comezou oficialmente este mércores cun acto institucional de apertura e a iluminación artística de espazos públicos da vila.

Ata o domingo 26 haberá exposicións, espectáculos e concertos para todas as idades e tendencias.
Durante estes días veciños e visitantes poden pasar polos bares e restaurantes do concello de Rianxo a probar as tapas especiais que teñen preparadas para a ocasión: Bar A Lareira (xoves e venres a partir das 12:30 horas), Aghro da Corna (xoves e venres a partir das 12:30 horas), Restaurante Atalaia (xoves e venres a partir das 12:30 horas), Café Bar Evi’s (xoves e venres a partir das 12:30 horas), Cafetería Náutico de Rianx (xoves a partir das 12:30 horas), Café Bar O Costillar (xoves e venres a partir das 12:30 horas), O Curral do Marqués (xoves e venres a partir das 12:30 horas), Restaurante O Vilar (xoves a partir das 12:30 horas), Cafetería Castelao (xoves, venres e sábado a partir das 12:30 horas), Parrillada Ourense (venres a partir das 20:00 horas), Café Bar Saraiba (sábado a partir das 12:30 horas) e Pizzería Toskana (xoves a partir das 12:30 horas).
E o sábado 25 gran degustación no Campo de Arriba.

Inauguración
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, asistiu este mércores 22, acompañado do alcalde rianxeiro Julián Bustelo, á inauguración (no Pazo de Martelo) da XXXI Festa da Xouba de Rianxo. Durante a súa intervención, o responsábel autonómico subliñou que esta cita gastronómica e cultural —organizada pola Asociación Rianxeira de Empresarios e o Concello co apoio da Consellería do Mar— é moito máis ca un evento festivo: é un escaparate fundamental para poñer en valor o traballo diario dos mariñeiros e a calidade dos produtos do mar da costa galega.
En palabras do director xeral, “Rianxo constitúe o corazón e a vangarda dunha técnica ancestral única como é a arte do xeito. Trátase dunha arte de enmalle de deriva, selectiva e artesanal. A vila rianxeira concentra preto de 115 embarcacións autorizadas para esta pesca, o que supón a metade de toda a frota que traballa con esta modalidade na ría de Arousa”.
Neste sentido, Isaac Rosón puxo de manifesto a importancia do selo de calidade Xouba de Rianxo, Pesca Artesanal, Arte do Xeito, unha marca colectiva implantada no ano 2023 que dota ao produto dunha identidade propia e permite ao consumidor verificar a súa orixe e trazabilidade a través dun código QR.
Salientou tamén os datos positivos rexistrados no sector durante o pasado exercicio 2025, no que as lonxas galegas comercializaron máis de 14.600 toneladas de sardiña e xouba, superando os 21,8 millóns de euros en primeira venda, o que supuxo un incremento na facturación de máis do 31 % respecto ao ano anterior.
Ampla programación gastronómica e cultural
A XXXI Festa da Xouba de Rianxo estenderase ata o vindeiro domingo 26 de xullo cunha completa axenda de actividades que inclúe degustacións populares nas que a xouba se preparará asada á grella, en escabeche, frita ou na tradicional empanada de millo. A programación compleméntase coa exposición efémera Rostros do noso mar no Pazo de Martelo, o roteiro gastronómico Un mar de tapas, espectáculos musicais e de danza tradicional, e a celebración simultánea da Feira do Libro no municipio.





