Cabo de Cruz celebra do 15 ao 17 de xullo as Festas do Carme

10 Xullo 2026


O Concello de Boiro colabora coa Comisión das Festas do Carme de Cabo de Cruz no desenvolvemento das Festas do Carme 2026 que se celebran do 15 ao 17 de xullo. O alcalde, José Ramón Romero, participou este venres 10 de xullo na presentación da programación xunto co presidente, Manuel Romero, e Andrea Ozores, membros da comisión.

Manuel Romero sinalou que as Festas do Carme “son de gran relevancia pola importancia que teñen para todos os mariñeiros e o pobo de Boiro”. Engadiu que as actividades comezan este sábado 11 de xullo co torneo de bolos tradicionais que se celebrará a partir das 10.00 horas no Campo de Triñáns; e o tradicional Partido de Solteirxs contra Casadxs que terá lugar a partir das 17.00h no Campo de Valiño.

O mércores 15 comeza a programación das festas coas ruadas de Arume e O Ar de Loureda; pola tarde haberá o xogo da cucaña, xogos populares e mesa de maquillaxe; espectáculo infantil de Paco Nogueiras no Subuqueiro; e pola noite verbena con New York, Ráfaga e DJ Rafastray.

O xoves 16, Dia do Carme e festivo local, comezarán as actividades con ruadas de Arume e O Ar de Loureda; ás 11.30h celebrarase a saída da virxe dende a capela ata a Lonxa onde se celebrará a misa cantada e a procesión marítima. Pola noite haberá verbena con Saudade e DJ ManuX e tirada de fogos de artificio. O programa de actividades remata o venres 17 cunha festa ibicenca.

O alcalde, José Ramón Romero, convidou á veciñanza a participar nesta cita “que conta cunha gran relevancia e tradición no noso concello”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.