O Concello do Porto do Son informou do remate das obras de humanización do núcleo da Silva (parroquia de Goiáns), que supuxeron unha transformación deste espazo rural mellorando a súa funcionalidade, accesibilidade e seguridade, sen renunciar á súa identidade tradicional. As actuacións executáronse ao abeiro dun convenio de colaboración co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), cun investimento de 484.008,31 euros.
O Concello engadiu que os traballos incluíron a renovación integral do pavimento, a adaptación das beiravías á configuración das distintas edificacións e a modernización do sistema de drenaxe, dando resposta ás necesidades actuais dun núcleo que experimentou un importante crecemento ao longo dos anos.

Tal e como explicou o alcalde, Luis Oujo, o obxectivo destas intervencións non era unicamente renovar as distintas infraestruturas e reforzar a funcionalidade e a seguridade na zona, senón facelo “atendendo ás necesidades e demandas reais da veciñanza e respectando as características e a identidade dun lugar como este”.
O rexedor apuntou que parte do problema das rúas xacía na antigüidade e mal estado do pavimento, polo que unha das accións principais dirixiuse a solucionar o seu estado. Formigón pulido foi o substituto seleccionado para definir a calzada, unha vía única de dobre sentido e anchura variable.

As beiravías, tamén de ancho variábel, foron adaptadas así mesmo aos retranqueos das edificacións circundantes e aos moldes da configuración tradicional do núcleo.
Ademais, nalgunhas zonas o firme pavimentouse con baldosas cadradas, garantindo unha maior estética e durabilidade.
Coa finalidade de optimizar a evacuación das augas de escorrentía xeradas pola calzada, instaláronse quenllas de formigón pulido en puntos estratéxicos do núcleo. Ditos condutos conectan de forma directa coa nova rede de depósitos pluviais, substituíndo a antiga rede unitaria.
Esta iniciativa mellorará de maneira moi relevante a capacidade de drenaxe das rúas e reforzará a protección fronte a empozamentos, engadiu o alcalde.




