
O campo da festa de San Lourenzo (Outes), a carón do local social, vai acoller o vindeiro 9 de agosto a representación do espectáculo Deitado na area. Unha ollada íntima sobre Andrés do Barro, de Carolina Rubirosa e Xavier Alcalá. Será a partir das 20.30 horas.
Carolina Rubirosa e Xavier Alcalá, autor de temas tan emblemáticos coma Teño Saudade ou Fogar de Breogán, fan un repaso pola obra de Andrés do Barro, contextualizando histórica, social e culturalmente o momento en que foron compostos os seus temas e en que naceu e se desenvolveu toda a Nova Canción Galega.
Carolina Rubirosa dota o repertorio dobarriano de novas roupaxes sonoras e, xunto con Xavier Alcalá, ofrece unha ollada diferente para presentarlle o autor ferrolán ás novas xeracións e ofrecerlles información descoñecida a aqueles que viviron o ascenso de Andrés do Barro ao número 1 das listas de éxitos estatais cantando en galego.




