A Sociedade Cooperativa Galega do mar Santa Uxía OPP83 (Sociedade Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia) realizará o 24 de xullo unha degustación gratuíta de Lirio de Ribeira no marco do día grande da Festa da Dorna e co obxectivo de achegar este peixe a novos públicos e fomentar o seu consumo, especialmente entre a xuventude. Será unha acción promocional na que veciños e visitantes poderán degustar de balde este peixe nun formato pensado para todos os públicos: ao estilo fish&chips. A iniciativa desenvolverase a partir das 15.00 horas nas inmediacións do Centro de Raqueta Santa Uxía, fronte a praia de Coroso, onde a OPP82 instalará unha foodtruck desde a que se repartirán as racións de balde elaboradas polo catering Chicolino. As persoas asistentes recibirán ademais obsequios promocionais, ata rematar existencias.

A OPP83 agradece especialmente a colaboración da Real e Ilustre Cofradía da Dorna e a súa disposición para “facer realidade o desenvolvemento desta proposta no marco da Festa da Dorna, contribuíndo así a achegar os produtos pesqueiros locais á cidadanía e a dar visibilidade ao Lirio de Ribeira nunha das celebracións máis emblemáticas e multitudinarias de Ribeira”.

Con este tipo de actividades, a OPP83 quere dar a coñecer a marca Lirio de Ribeira a través de novos formatos culinarios e novas posibilidades que ofrece este peixe na cociña. Informan que “a elección dunha preparación tan popular como fish&chips busca especialmente conectar co público máis novo e familiar e presentar este peixe como un alimento versátil e fácil de incorporar a diferentes elaboracións”.
Esta actuación forma parte do PPeC 2026 da OPP83, que conta co financiamento da Xunta de Galicia e o FEMP.





