A asociación ADISBISMUR organiza a IV Gala Benéfica dos Callos

29 Xullo 2026

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) celebrará o vindeiro sábado 1 de agosto a IV Festa Benéfica dos Callos, unha cita solidaria que terá lugar na Horta do Muíño, en Outes, e que busca reunir á veciñanza arredor dunha xornada de convivencia para apoiar o labor que desenvolve a entidade.

A programación contará cun amplo apartado musical, encabezado polas actuacións de Chiña e Pablo Balseiro, ás que se sumarán Os Jaitas Blue, Pandereteir@s do Tremuzo, Aires de Broña, Abelleira e Punto, ademais de charanga e DJ, que animarán a festa ao longo do día.

A degustación, que contará con 1.500 racións preparadas, iniciará ás 12:30 horas cun menú que terá un prezo de 12 euros e incluirá callos, pan, bebida, sobremesa e café. A organización lembra tamén que non se permitirá a entrada con comida nin bebida do exterior.

A xornada completarase con diferentes actividades para todas as idades, entre elas unha andaina que iniciará ás 10 horas, pachangas de fútbol, pintacaras e inchables, co propósito de ofrecer un espazo de encontro para familias e persoas participantes.

As entradas poden adquirirse de maneira anticipada a través de ADISBISMUR. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa entidade no teléfono 881 083 860 ou a través das súas redes sociais. Tamén se poderán adquirir os tíckets do menú o mesmo día á entrada do recinto.

A celebración desta cuarta edición da Festa Benéfica dos Callos conta coa colaboración e implicación dos concellos de Outes, Muros, Carnota e Mazaricos, ademais dun amplo número de empresas e establecementos da comarca, cuxo apoio fai posíbel a organización desta iniciativa solidaria.

Todos os fondos recadados nesta festa gastronómica serán destinados tanto para a nova residencia que prevén abrir para o ano que vén como tamén para actividades e renovación de material do centro de atención diúrna que a entidade ten en Valadares (Outes), ao que acoden de luns a venres 52 persoas con discapacidade e 22 profesionais.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.