“Un país, tres clásicos”. Xosé Antonio López Silva

23 Xuño 2026

En poucos días, a xeografía simbólica de Galicia vai debuxar un triángulo perfecto, con tres vértices —Trasalba, Compostela e Mondoñedo— que non só conectan tres provincias, senón as tres liñas mestras sobre as que se asenta boa parte do noso imaxinario cultural contemporáneo.

O sábado 27, en Amoeiro, a Fundación Otero Pedrayo entrega o Premio Trasalba ao historiador Ramón Villares, que foi reitor da Universidade de Santiago, na mesma facultade onde fora catedrático Otero. O domingo 28, en San Domingos de Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres, o Goberno galego concede as Medallas Castelao. E durante eses mesmos días, en Mondoñedo, a Universidade de Santiago celebra o IV Encontro Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Armando Requeixo, un dos principais especialistas no escritor.

Tres actos, tres provincias, un só país. Galicia volve reunirse arredor de Pedrayo, Castelao e Cunqueiro, os grandes fitos que sosteñen a arquitectura cultural do noso século XX. Resulta difícil atopar tres autores máis distintos entre si e, con todo, xuntos, seguen a compoñer parte da gramática esencial da identidade galega actual. Castelao desde a reflexión política e ética; Otero Pedrayo, o Patriarca, desde unha visión totalizadora da historia, da cultura e do territorio; Cunqueiro desde a potencia fabuladora da súa imaxinación literaria.

O máis significativo desta coincidencia festiva non son os actos en si mesmos. Tampouco quen reciba unha medalla ou un premio concretos, sendo estes tamén de xusta importancia para o conxunto do país. O relevante é comprobar que Otero Pedrayo, Castelao e Álvaro Cunqueiro continúan formando parte dese patrimonio compartido ao que Galicia debe regresar unha e outra vez para pensarse, explicarse e mesmo discutirse.

Durante moito tempo, a cultura galega viviu nunha situación de precariedade que obrigaba a converter cada homenaxe nun parapeto. Era necesario defender autores, recuperar obras esquecidas e reclamar espazos de visibilidade. Lembremos, por exemplo, a Otero Pedrayo e outros intelectuais acudindo a Bonaval para unha misa en honra de Rosalía: un acto de afirmación galeguista en pleno franquismo que transformaba a memoria nun refuxio de resistencia ética e política.

A normalidade dun país, deste país, non consiste en que desaparezan os debates sobre a lingua ou aspectos determinados da cultura galega. Ende ben, reside na existencia de referentes comúns de relevancia por riba dos disensos. O Ano Oteriano, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia; a consolidación das Medallas Castelao desde hai xa máis de corenta anos; ou a cuarta edición dun encontro universitario dedicado a Cunqueiro apuntan nesa mesma dirección, igual que o recoñecemento a Ramón Villares, estudoso da figura de Otero e autor dunha imprescindible Historia de Galicia, que simboliza hoxe a perfecta continuidade na cadea de transmisión do noso pasado.

As culturas maduras non son as que deixan de discutir sobre si mesmas. Son aquelas que conservan puntos de referencia firmes mentres continúan o debate. Quizais a verdadeira noticia non sexa a suma destes tres actos, senón o feito de poder ver que Castelao, Pedrayo e Cunqueiro seguen aí, e non como reliquias ou ecos dun tempo fuxidío, senón como miliarios vivos dunha conversa colectiva que Galicia continúa a manter consigo mesma.

Un país capaz de honralos os tres na mesma fin de semana —de Bonaval a Trasalba e a Mondoñedo, do Sar ao Miño e ao Masma— non é un país que mire cara atrás. É un territorio que conserva a capacidade de recoñecerse nun patrimonio simbólico común. Nun tempo de fragmentación e de certezas fráxiles, non parece unha mala nova.

Outros artigos

Falece un home tras ser atropelado en Cee

Un home faleceu esta mañá tras ser atropelado na VG-1.4, ao seu paso pola parroquia de Toba, en Cee. O accidente produciuse no quilómetro aproximado 4 da vía. Un particular contactou co 112 Galicia ás 07:45 horas para informar do atropelo. Segundo indicaba, a vítima...

+

“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...

+

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.