O Torneo Internacional CONGALSA de fútbol base recada máis de 7.000 euros para a Fundación Aladina

15 Xuño 2026

A última edición do Torneo Internacional CONGALSA de fútbol base volveu a demostrar a vertente máis solidaria da actividade deportiva. A competición, celebrada entre os días 22 e 24 de maio na Pobra do Caramiñal, logrou recadar 7.040 euros para a Fundación Aladina, entidade dedicada a mellorar a calidade de vida de nenos e adolescentes con cancro e das súas familias mediante programas de apoio integral, acompañamento emocional e humanización dos espazos hospitalarios.

O balance do torneo foi presentado na mañá deste luns 15 de xuño nunha rolda de prensa na que participaron Isabel Cañas, directora de Relacións Externas de CONGALSA, compañía alimentaria que exerceu como a principal patrocinadora da iniciativa; José Carlos Vidal, alcalde da Pobra do Caramiñal; e Julio Antonio Mariño Neira, organizador do evento.

Con esta nova achega, o Torneo Internacional CONGALSA alcanza xa unha recadación histórica superior aos 56.000 euros destinados á Fundación Aladina, consolidándose como unha das iniciativas deportivas solidarias de referencia na comarca do Barbanza.

Compromiso co futuro do torneo

Durante a súa intervención, Isabel Cañas ratificou o compromiso de CONGALSA “cunha iniciativa que reflicte plenamente os valores da compañía”. A directora de Relacións Externas da empresa destacou a satisfacción da firma por contribuír ao crecemento dun proxecto que combina deporte, formación en valores e solidariedade. “Por todos estes motivos, a nosa vontade é a de seguir apoiando o torneo en futuras edicións”, afirmou Cañas.

Pola súa banda, o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, sinalou que “o Torneo Internacional CONGALSA converteuse xa nunha cita destacada do calendario deportivo, capaz de unir competición, compromiso social e promoción do territorio. Para A Pobra do Caramiñal é unha satisfacción formar parte dunha iniciativa que fomenta valores positivos entre a mocidade, contribúe a unha causa solidaria de gran relevancia e xera un importante impacto na actividade económica da comarca”.

Infraestrutura despregada e trato recibido

Paralelamente, Julio Antonio Mariño Neira destacou a extraordinaria acollida que volveu ter o campionato entre os clubs participantes. Segundo explicou, a organización recibiu numerosas mensaxes e cartas de agradecemento nas que as entidades deportivas felicitan ao equipo organizador polo nivel da infraestrutura despregada, cualificándoa como propia de competicións profesionais, así como polo trato recibido durante toda a súa estadía. “Moitos dos clubs”, engadiu, “destacaron tamén o carácter solidario do torneo como un dos seus principais elementos diferenciadores”. Para Mariño Neira, “recibir ese recoñecemento por parte de equipos alevíns de primeiro nivel é unha enorme satisfacción e anímanos a seguir crecendo”.

Así mesmo, quixo expresar un agradecemento especial a CONGALSA polo seu firme compromiso co proxecto, destacando o respaldo do seu presidente, Luis Miguel Simarro, así como a implicación de Isabel Cañas. Do mesmo xeito, trasladou o seu recoñecemento a todos os colaboradores que contribuíron a facer realidade a celebración desta edición.

Próxima edición

A organización aproveitou o acto para anunciar que a próxima edición celebrarase do 14 ao 16 de maio de 2027. Ademais, confirmou que o Real Madrid CF xa garantiu a súa participación, converténdose no primeiro equipo alevín confirmado para a seguinte convocatoria do torneo.

Xunto a isto, desde a organización destacouse o éxito da promoción do bono solidario cunha camiseta de agasallo de CONGALSA, unha iniciativa que rexistrou unha excelente acollida e contribuíu de forma decisiva a incrementar a recadación destinada á fundación.

Retorno económico

Máis aló da súa vertente solidaria, o torneo volveu converterse nun importante motor económico para a comarca. Segundo as estimacións da organización, a competición xerou un retorno próximo ao millón de euros nos municipios do Barbanza e en concellos limítrofes, con hoteis, aloxamentos turísticos e establecementos de restauración rexistrando unha elevada ocupación durante toda a fin de semana.

En total, ao redor de 4.500 persoas desprazáronse á comarca para seguir unha competición que reuniu a 37 equipos de categoría alevín procedentes de distintos puntos de España e do estranxeiro.

No plano deportivo, o título foi para o Villarreal CF, que se impuxo por 3-0 ao RC Deportivo na final disputada no Estadio Municipal da Alta. Neste sentido, a competición volveu reunir a algunhas das mellores canteiras nacionais e internacionais, consolidando o seu prestixio dentro do calendario do fútbol base.

Desde a organización agradeceuse o respaldo institucional do Concello da Pobra do Caramiñal, a Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte e o Xacobeo 2027, así como a colaboración do tecido empresarial e autónomo, que contribuíu ao éxito dunha iniciativa que combina promoción deportiva, solidariedade e impacto económico no Barbanza.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El que se pica…, ajos come”. José Fernández Lago

“El que se pica…, ajos come”. José Fernández Lago

A la luz de lo que se escucha estos días a nuestro alrededor, he estado dudando en mantener ese título en mi artículo, o sustituirlo por otro como que “El poder corrompe”. Existen dichos que hemos recibido de nuestros antepasados, y que no podemos aplicarlos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.