
O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira emitiu un comunicado no que expresa a súa preocupación pola destrución de hábitats protexidos dunares na praia do Róbalo, levados a cabo, segundo informou ADEGA, por maquinaria pesada. O BNG critica que a maquinaria realizou “labores de esplanación, movemento indiscriminado de area e unha severa eliminación da vexetación dunar autóctona, localizándose estas graves alteracións preto do varadoiro e a carón do chiringuito da praia”.
Estes feitos, sinalou o grupo, “foron postos en coñecemento do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) pero as tarefas que realizaba a pa escavadora seguiron adiante até aplanar por completo toda la superficie protexida, convertendo un espazo natural singular e de riqueza biolóxica nunha chaira eliminando flora e fauna”.
O BNG, a través da concelleira Antía Alberta, di que “a gravidade desta intervención radica no valor ambiental excepcional do emprazamento, situado xusto fronte á illa de Sálvora e a moi curta distancia do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza, acubillando a área afectada diversos hábitats de interese europeo catalogados polo Plan Director da Rede Natura 2000 así como por lexislación ambiental que inclúe a pequenas dunas, flora e fauna”.
Asemade, sinalan que o espazo arrasado “encádrase dentro da zona de presenza e a zona crítica da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha ave incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas”.
Para o BNG, “a destrución deste fráxil ecosistema non só pon en perigo o éxito reprodutor desta ave, senón que supón o esnaquizamento do hábitat de aniñamento doutras especies como a lavandeira amarela e a desaparición física de exemplares de flora litoral de altísima fraxilidade, entre os que destacan a arenaria do mar ou herba de sal, a arxémona ou papoula marítima, o abrótano mariño, o cardo mariño, a cebola das gaivotas ou azucena marítima e o alhelí marítimo, que resultaron completamente arrasados pola escavadora”.
Ante os danos ocasionados na praia do Robalo, o grupo municipal do BNG rexistrou unha batería de preguntas dirixidas ao goberno de Ribeira co fin de aclarar publicamente o acontecido así como a facilitar copia dos permisos que xustificaron a entrada da maquinaria pesada e a eliminación da duna.



