O Pazo de Goiáns vai acoller este venres 12 de xuño a presentación do libro Por que ninguén falou delas? O descoñecido Patronato de la Protección a la Mujer, da investigadora Belén López Cilleiro: un traballo promovido pola Área de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña. A cita, de entrada libre, será ás 20.00 horas.

No libro, Belén López aborda a historia do Patronato de Protección a la Mujer, que foi unha institución do réxime franquista (creada en 1941 e activa ata 1985) que funcionou como un sistema de represión moral, social e de clase contra as mulleres. Presidida pola propia Carmen Polo, dona do ditador, tiña o obxectivo declarado de “reeducar” e corrixir condutas que se desviaban da moral católica e da rixidez imposta polo réxime.
Segundo a investigadora, o Padroado operaba cunha “absoluta impunidade”, contando coa colaboración activa da Igrexa Católica e de ordes relixiosas (como as Adoratrices ou as Oblatas), que xestionaban os centros de reclusión.

De feito, as mulleres internadas sufrían un forte estigma e vergoña, moitas veces silenciadas polo medo e polo propio peso dunha sociedade conservadora.
A súa longa existencia (durou ata os primeiros anos da democracia, ata 1985) fixo que a súa desaparición e o arquivo das súas prácticas pasasen desapercibidos durante a transición, segundo a investigadora.
As mulleres (moitas delas menores de idade ou pertencentes á clase obreira) eran ingresadas por decisións arbitrarias: desde quedar embarazadas fóra do matrimonio ou fuxir da casa, ata simplemente amosar rebeldía ou vestir de xeito “inapropiado”. Nos centros sufrían traballos forzados, malleiras, adoutrinamento relixioso severo e, en moitos casos, a separación forzosa dos seus fillos, que eran dados en adopción.
Belén López Cillero é unha escritora e investigadora social da Coruña que centrou os seus estudos no traballo do Patronato na nosa provincia. Esta era unha institución franquista que pechaba a moitas mozas en reformatorios. A escritora recolleu testemuños directos de mulleres que sufriron malos tratos nestes centros. O seu obxectivo é darlles voz e pedir reparación para as vítimas.




