A Fiscalía pide nove anos de cárcere para os tres acusados polo naufraxio do Villa de Pitanxo

03 Xuño 2026

A Fiscalía solicita nove anos de prisión para cada un dos tres acusados polo naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo, afundido en febreiro de 2022 fronte ás costas de Terranova (Canadá), unha das maiores traxedias da pesca galega das últimas décadas, na que faleceron 21 tripulantes e só tres lograron sobrevivir.

O Ministerio Público dirixe a súa acusación contra o capitán da embarcación; o administrador da armadora; e o director de frota da compañía. Atribúelles 21 delitos de homicidio imprudente, un delito de lesións por imprudencia respecto do mariñeiro supervivente Samuel Koufie e outro contra os dereitos dos traballadores.

Ademais das penas de prisión, a Fiscalía reclama a inhabilitación durante 13 anos. No caso do capitán, para exercer como patrón de buque, e no dos responsables da armadora, para a administración ou dirección de sociedades dedicadas á pesca marítima.

No escrito de acusación, o Ministerio Fiscal sostén que os tres investigados permitiron que a actividade se desenvolvese en condicións inseguras e con graves incumprimentos das normas de prevención e seguridade marítima. Segundo a súa tese, estas deficiencias contribuíron de forma decisiva ao afundimento do buque.

Entre as irregularidades sinaladas figuran a suposta sobrecarga da embarcación, agravada pola instalación de depósitos de combustible sen autorización, así como a falta de medidas preventivas axeitadas e deficiencias nos sistemas de abandono e salvamento.

A Fiscalía tamén responsabiliza ao capitán de non adoptar medidas de seguridade ante a manobra que precedeu ao naufraxio, en condicións meteorolóxicas extremadamente adversas. Entre outras cuestións, reprochalle non asegurar o peche de determinadas aberturas do casco e portas estancas, ademais de ordenar o abandono do barco cando a situación xa era crítica.

Respecto aos armadores, o Ministerio Público considera que non cumpriron diversas obrigas en materia de seguridade laboral, como facilitar instrucións claras para actuar en caso de emerxencia ou garantir unha disposición adecuada dos chalecos salvavidas e dos traxes de inmersión.

Outro dos aspectos destacados pola acusación é que o Villa de Pitanxo operaba nunha zona de intensa formación de xeo, unha actividade expresamente desaconsellada no Libro de Estabilidade da embarcación ao non contar cos cálculos e proteccións regulamentarias necesarios.

A Fiscalía propón unha ampla relación de probas para o xuízo oral, incluíndo as declaracións dos dous superviventes, familiares das vítimas, tripulantes dos buques que participaron no rescate, así como numerosos informes periciais, documentación técnica e informes oficiais relacionados co accidente.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.