No porto de Rianxo, ao pé da Capela de San Bartolomeu (escenario cargado de simbolismo mariñeiro, onde xeracións de navegantes alzaban remos e quitaban as boinas ao pasar), celebrouse este domingo 24 de maio a botadura da dorna Fasquía, nun acto organizado pola Asociación Setefoghas de Rianxo que reuniu veciños e veciñas de Rianxo e da comarca da ría de Arousa arredor da recuperación do patrimonio marítimo tradicional galego.

A Fasquía, levaba 17 anos abandonada no estaleiro de Ramón Collazo Mosquera, dono de Astilleros Catoira e presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira. Ramón Collazo decidiu conservar a embarcación ao considerar que destruíla sería “un atentado contra o noso patrimonio”. Grazas a esa decisión e ao traballo de restauración realizado, a dorna foi recentemente pintada por David Cuence, artista de Rois, e devolta ao mar onde lle pertence.

O bautizo tivo lugar na Rampla Vella, e foi realizado polo académico e patrón da dorna Roxiña, Anxo Angueira, con viño e coa presenza do alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, que representou ao Concello xunto co presidente da asociación, Eduardo Rivó, o dono da embarcación Ramón Collazo, quen puxeron as verbas ao acto.

A Fasquía saíu á ría acompañada por diferentes embarcacións tradicionais que izaron velas e con embarcacións do Clube de Remo de Rianxo rendendo así unha homenaxe saíndo ao seu encontro cos remos alzados, nun saúdo cheo de respecto e simbolismo.

A banda Ten Quirísio puxo música a bordo, interpretando composicións de Boroa, chegados dende Ribeira.
Logo en terra seguiu a festa co tema Paxaro pinto e con máis música, rematando cuns viños galegos acompañados de diferentes produtos do país.

O acto contou co apoio de Mercamás de Rianxo, Disteva, Quinteiro Doce, Xoán Silva coa embarcación Santa Cruz de Bluscus, a Confraría de Pescadores de Rianxo e o Concello de, e a presenza de concelleiros de todos os grupos políticos locais, presidente do club de remo, patrón maior da confraría de Rianxo e representacións de diversas asociacións de embarcacións tradicionais da ría de Arousa.

“A Fasquía, símbolo vivo da carpintería de ribeira e da memoria mariñeira; cando unha dorna regresa ao mar, regresa tamén a memoria dun pobo”, sinalou Tito O Dulceiro
A Asociación Setefoghas anuncia xa o seu próximo proxecto: a restauración e botadura dunha xeiteira tradicional, continuando así o seu compromiso coa recuperación e divulgación do patrimonio marítimo de Rianxo para as novas xeracións.



