Un estudo do Grupo de Traballo Orca Atlántica conclúe que a Candorca Ibérica está en perigo crítico de supervivencia

28 Maio 2026

Cada vez avístanse máis candorcas polas nosas augas, un estudo que vén de ser realizado por membros do Grupo de Traballo Orca Atlántica–GTOA, encabezados pola especialista na especie Dra. Ruth Esteban, sobre a subpoboación atlántica de candorca ibérica (Orcinus orca), analizou a súa evolución demográfica entre os anos 2011 e 2023 mediante técnicas de fotoidentificación e modelos demográficos. Os resultados amosan que a poboación mantense estábel, con arredor de 37 individuos, pero sen signos de recuperación, o que confirma a súa situación de perigo crítico de supervivencia.

Cómpre sinalar que esta subpoboación, única na Península Ibérica, representa un dos grupos de cetáceos máis ameazados do Atlántico nordés.

Achegándonos á candorca ibérica, dicir que forma unha subpoboación de candorca illada das do resto do Atlántico, que se distribúe entre Francia e o norte de Marrocos, cun número moi reducido de individuos e unha forte dependencia do seu principal presa: o atún vermello (Thunnus thynnus). Esta especialización trófica condiciona en gran medida a súa distribución e comportamento. Malia a recuperación recente do atún, esta mellora non se traduciu nun aumento da poboación de candorca, o que suxire que outros factores están a limitar a súa recuperación.

Indo ao estudo, este baséase no rexistro de 26 varamentos desde o ano 2000 e nas técnicas de fotoidentificación, sendo analizadas máis de 18.000 imaxes recompiladas ao longo dunha década, o que permitiu identificar individualmente á maioría dos individuos da poboación.

A pesar do incremento do esforzo de mostraxe, non se observou un aumento no número de individuos durante o período analizado, o que suxire unha situación de estancamento poboacional.

Como conclusión, resultou que a supervivencia dos cachorros recentemente nacidos mellorou nos últimos anos. Con todo, a supervivencia dos adultos diminuíu, especialmente no caso das femias. Asemade, a taxa reprodutiva é baixa, unha femia pode ter un intervalo superior a 8 anos entre dous cachorros consecutivos, o que dificulta moito a recuperación da poboación. A isto hai que engadir que a incorporación de novos individuos á poboación adulta é limitada, o que reduce a súa capacidade de crecemento.

Aínda que a poboación se mantivo constante nos últimos anos, con preto de 37 individuos, o crecemento poboacional é practicamente nulo (arredor dun 0,5% anual), o que indica que a subpoboación atópase en equilibrio demográfico, sen capacidade real de recuperación a curto prazo. Malia que a supervivencia das crías mellorou, comparando con períodos anteriores cando a mortalidade neonatal era moi elevada, esta mellora non foi abonda para compensar a diminución na supervivencia dos adultos. Todo isto indica que a subpoboación non se está a recuperar e supón un risco para a súa viabilidade a longo prazo.

A xeito de dato, dicir que a maioría dos nacementos se concentran nos meses de verán e outono. Con todo, a información dispoñíbel é limitada, xa que os nacementos non se observan directamente no medio natural. Porén, os resultados suxiren un patrón estacional na reprodución da subpoboación, se cadra relacionado coa dispoñibilidade de recursos e a presenza da súa presa principal.

Alén das súas limitacións demográficas, a subpoboación de candorca ibérica enfróntase a múltiples ameazas derivadas da actividade humana. Entre elas inclúense as interaccións con embarcacións, comezadas en 2020, así como as actividades pesqueiras, que poden provocar lesións, enredos ou alteracións no seu comportamento. A isto súmanse outros factores como a contaminación por substancias tóxicas e os cambios nas prácticas pesqueiras, cuxos efectos sobre a poboación aínda non se coñecen completamente. Estas presións poden afectar tanto á súa supervivencia como á súa reprodución, agravando a situación dunha poboación xa de seu vulnerábel.

Para máis información pódese acceder á publicación do artigo nesta ligazón habilitada.

As persoas interesadas no tema poden consultar o catálogo de fotoidentificación de Candorca Ibérica.

Outros artigos

Este xoves 11 teremos ceos con nubes altas e unha suba das temperaturas

Galicia vivirá este xoves 11, San Bernabé, unha xornada marcada pola estabilidade atmosférica, coa influencia anticiclónica e a entrada dunha masa de aire cálido procedente de latitudes inferiores. Agárdanse ceos con nubes altas, aínda que estas non impedirán o paso...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

Acabó la temporada futbolística y, con ella, las alegrías, las decepciones, los ascensossoñados y los descensos temidos. Pero cuando el balón deja de rodar queda tiempo parareflexionar sobre algunas cosas que ocurrieron en los estadios y que merecen unareflexión.Una...