“O Depor está de volta” – José Castro López

27 Maio 2026


Para o deportivismo, o domingo 24 foi un día longo, de calma tensa e emoción contida ata que o resultado final desatou a paixón dos seareiros que, en Zorrilla e na Coruña, reviviron aquelas tardes de grandes triunfos despois de que, en palabras do alcalde Tierno, once destros e avantaxados atletas, ben dirixidos, competisen con ardor e gañasen o partido.

Agora, A Coruña e afeccionados doutras localidades galegas seguen festexando o regreso do Depor a Primeira División. Socios, seguidores e toda a cidade conforman unha afección de fidelidade contrastada, tanto nas adversidades como nas grandes alegrías deportivas que seguen vivas na memoria colectiva.
Nunca institución ou persoa algunha fixo tanto como o Depor para dar a coñecer A Coruña no mundo; ninguén levou o seu nome con tanta dignidade e orgullo; ninguén contribuíu tanto a elevar a autoestima dos coruñeses. O Depor dinamizou a economía da cidade, achegou toneladas de alegría e alimentou durante anos unha ilusión colectiva difícil de igualar.

Neste maio florido, o Depor está de volta. A solvencia económica supónselle e, por tanto, regresa con posibilidades de confeccionar un equipo competitivo -iso pide o mítico Mauro Silva- para ofrecer de novo triunfos soados e tardes de gloria que contribúan a levantar o ánimo dunha cidade que non está sobrada de estímulos.

Co ascenso volven tamén os encontros entre Depor e Celta, “o noso derby”, que, seguro, desenvolveranse baixo o xogo limpo de afeccións históricas. Como ocorría hai anos, cando o fútbol tiña máis de divertimento dominical que de paixón interesada. Os vellos afeccionados lembrarán a pancarta que unha peña deportivista despregou en Balaídos: “A Coruña, capital de provincia, saúda ao pobo de Vigo, provincia de Pontevedra” que tivo resposta no partido de volta en Riazor, cando unha peña celtista mostrou outra que dicía: “O Porto de Vigo saúda ao embarcadoiro da Coruña”. Con esta fina ironía vivían entón a rivalidade deportiva dúas afeccións con soleira.

A celebración quedaría incompleta sen o recordo a Arsenio e Lendoiro, os pais do Depor da era moderna. Con Arsenio, o equipo cegou nos terreos de xogo ata conquistar un lugar privilexiado na elite do fútbol. Lendoiro chegou á presidencia “reclamado” polos socios en 1988, salvou da desaparición a un club á deriva e despois confeccionou un equipo de ilusión que brillou en España e Europa. Sen eles, que seguro están presentes na memoria do deportivismo, non se entendería a historia do Depor.

Circula pola Rede unha imaxe da Torre de Hércules, icona da Coruña, envolvida na bandeira do Depor con afeccionados ao fondo e esta lenda: “Unha cidade, un sentimento”. Tres realidades entrañablemente unidas, case metafisicamente identificadas.

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.