O BNG, o PSOE e Sumar acadan un acordo para desbloquear o traspaso da AP-9

25 Maio 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, informou este 25 de dun importante principio de acordo co grupo socialista para tramitar definitivamente a lei de transferencia a Galiza da AP-9.

Explicou que se fará por medio “dunha emenda transaccional” que respecta “fundamentalmente” as propostas do parlamento da Galiza.

“Implica a transferencia da titularidade da AP-9 á Administración galega e tamén a salvagarda de que o Estado asume todas as consecuencias, mesmo económicas, das decisións que ten adoptado en relación á Autoestrada do Atlántico para salvagardar, por exemplo, unha hipotética finalización da concesión como consecuencia do expediente aberto pola Comisión Europea pola irregularidade das prórrogas realizadas”.

Deste xeito, sinalou, “dende o BNG poñemos fin ao bloqueo á tramitación da lei de transferencia da AP-9 do Parlamento galego para que se cumpra a vontade unánime da Cámara e da sociedade galega”.

Para o BNG este é “un paso moi importante que implica que se transfire a titularidade, que se transfiren todas as competencias e que se concretará nunha Comisión Mixta Goberno-Xunta da Galiza e a posterior publicación dun real decreto como é habitual en calquera proceso sobre traspaso de titularidade ou de competencias”.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, salientou o acordo dende Ferrol, nun xantar con xornalistas e dixo que o pacto materializarase este martes 26 de maio no Congreso. O acordo, dixo, permitirá transferir a titularidade da autoestrada á Comunidade Autónoma, así como as competencias sobre o réxime xurídico da concesión e as funcións e servizos. “É un mandato parlamentario que deberá materializarse na Comisión Mixta de Transferencias”, sinalou.

“Cun Goberno socialista, o traspaso é unha realidade”, indicou, e advertiu de que “non se entendería un voto negativo” dos populares. “Bloquealo sería unha gravísima responsabilidade que contradiría todo o que viñeron dicindo sobre o propio traspaso”, engadiu.

Besteiro subliñou que, unha vez asegurada a titularidade, a prioridade segue a ser a gratuidade. “O que nos importa máis é que a AP-9 sexa gratuíta, que non lle custe un euro aos usuarios”, dixo. “O primeiro paso é a transferencia, pero o definitivo é a gratuidade. Non imos baixar a garda, non imos parar ata conseguilo”, concluíu.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...