A Xunta mobilizará 1,6 millóns para contribuír aos traballos de restauración marisqueira da Confraría de Noia

18 Maio 2026

A Xunta, tal e como anunciou este luns 18 de maio o presidente galego, Alfonso Rueda, deu un novo paso na execución do plan extraordinario de 22,7 millóns de euros para “colaborar na rexeneración e recuperación dos bancos marisqueiros galegos tras os temporais do inverno”.

Así, o Consello autorizou esta a sinatura do “primeiro convenio de colaboración ao abeiro deste plan” que, neste caso, foi coa Confraría de Pescadores de Noia. Este acordo, dotado con “preto de 1,6 millóns de euros” e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), permitirá desenvolver tarefas de restauración ambiental durante as anualidades 2026 e 2027.

O convenio recolle un plan de “restauración de hábitats e zonas de produción marisqueira” cun cronograma detallado para a implicación directa do sector nas tarefas de recuperación.

Ademais, permitirá remunerar os labores realizados desde o peche dos bancos nesta zona. O obxectivo é “actuar de xeito integral sobre os hábitats de especies estratéxicas como o berberecho e as diferentes variedades de ameixa”, informou a Xunta, engadindo que este plan ten un ámbito de actuación centrado no esteiro do Tambre e na enseada de Esteiro e abrangue a participación progresiva das profesionais. Rueda indicou que comezarán 40 persoas, o número ampliarase a 110 en maio e “chegará ata as 200 a partir de setembro”. Unhas profesionais que levarán a cabo tarefas esenciais como a retirada de algas verdes e cunchas, ou os rareos e os traslados de especies comerciais, mobilizando equipos de 40 persoas durante varios días ao mes.

Así, o presidente explicou que poderán recibir “unha remuneración de ata 700 euros por entre 10 e 12 días ao mes” de participación nestas tarefas mentres os bancos estean pechados.

Entre as accións biolóxicas máis destacadas atópase a sementeira de ameixa no banco de Misela I, cunha proxección de 8 millóns de unidades neste ano 2026 e 2 millóns en 2027, labores que executarán equipos específicos de 20 persoas. Así mesmo, o plan recolle o control exhaustivo de depredadores cunha embarcación que prevé retirar uns 1.000 quilos semanais de estrelas de mar e cangrexos, ademais de garantir a vixilancia diaria dos bancos con quendas de ata 32 persoas e a realización de mostraxes para o control da evolución dos areais.

Cunha vixencia que se estende inicialmente ata o 31 de decembro de 2027, o acordo garante a continuidade dos labores de mantemento necesarios para facer fronte aos efectos dos temporais e á baixa salinidade. Con este investimento, a Xunta non só traballa na recuperación biolóxica dos areais, senón que asegura unha alternativa de actividade e de ingresos para o sector mentres os bancos recuperan os seus niveis óptimos de produción.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...