A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto de CONGALSA para a ampliación dunha planta de elaboración de produtos alimentarios conxelados localizada no parque empresarial da Tomada, no Concello da Pobra do Caramiñal.

Segundo conclúe o informe de impacto ambiental emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, “non son previsíbeis efectos significativos sobre a contorna derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica”.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.
Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
As avaliacións consideran que “o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viábel a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos relacionados a protección da atmosfera, a poboación e a saúde; das augas e dos leitos fluviais; do solo e das infraestruturas; sobre o patrimonio natural; xestión de residuos; integración paisaxística e restauración, a eficiencia enerxética e a redución da pegada de carbono ou a prevención de riscos”.
Como dixemos, o proxecto ten como obxectivo a ampliación das instalacións que o promotor, CONGALSA SL, ten no Parque Empresarial da Tomada e nas que se dedica á elaboración de produtos alimentarios conxelados e precociñados a base de pescados e outros ingredientes. En concreto, prevé a incorporación das parcelas 16 e 17 ao seu centro produtivo, que actualmente ocupa as 13, 14 e 15 da devandita área industrial.
As novas instalacións destinaranse á fabricación de alimentos rebozados e empanados e para a súa execución acometerase a reforma estrutural e a demolición parcial de elementos interiores dunha antiga fábrica de envasado e almacenamento de sal. A nova nave terá unha superficie construída de máis de 6.200 metros cadrados e constará, entre outras, das seguintes áreas: almacenamento de materia prima, zona de produción, almacén de produto terminado, zona de descarga de produto terminado e unha entreplanta con oficinas, vestiarios e unha sala de preparación de rebozadas e de almacenamento de ingredientes en cámara refrixerada.
O promotor estima que a capacidade máxima de produción de rebozados e empanados para a nova sede será de 30.000 toneladas ao ano, que sumada á das liñas que xa están en funcionamento será de 55.000 toneladas ao ano.



