A 2ª edición do Chopo Saleiro converterá a rúa do Sal de Ribeira en epicentro gastronómico con 140 kg do cefalópodo

12 Maio 2026

A rúa do Sal exaltará un dos produtos do noso mar coa segunda edición do Chopo Saleiro no 23 de maio que promove a Asociación Recreativa e Cultural Rúa do Sal coa colaboración de numerosas entidades, entre elas, o Concello de Ribeira. A alcaldesa, María Sampedro, asistiu á presentación desta festa gastronómica e cultural que exalta as calidades deste recurso marítimo do que Ribeira é un dos principais portos de descarga, con rexistro de vendas de 62 embarcacións de artes menores diversas.

Cinco establecementos hostaleiros ofrecerán a pé de rúa 140 quilogramos de chopo baixo o formato de tres receitas: en empanada, en croquetas e en arroz na súa tinta. A degustación será en horario de 13.00 a 17.00 horas, se ben a celebración está garantida ao longo de todo o día coa actuación de Chiña, ás 13.45 horas; dúo La Granola, ás 19.30 horas; e gran estrea do musical O Camiño do Amor, ás 21.30 horas.

A rexedora María Sampedro manifestou que esta nova convocatoria “busca afianzarse no calendario de actividades municipal como unha forma de poñer en valor o chopo, reforzando así máis, se cabe, o vínculo de Ribeira co mar a través da gastronomía. No pasado, o mar era un medio de subsistencia: a xente saía faenar para traer produto para vender, pero tamén ter comida para poñer á mesa. E con esta festa enxalzamos un deses produtos que forman parte da nosa alimentación, pero que, non obstante, foi perdendo presenza co paso do tempo. Así que agora toca facer todo o posible para que volve ocupar o lugar que merece e quero agradecer, polo tanto, o traballo desenvolvido pola Asociación Recreativa e Cultural Rúa do Sal”.

Ribeira destaca tamén, a xuízo da rexedora, polas festas gastronómicas que se celebran. “Percebe, navalla, polbo, lirio e, agora, tamén o chopo. Son moitas as festas que dedicamos aos nosos recursos marítimos porque tamén é unha maneira de celebrarnos como pobo costeiro. Produtos frescos, de calidade e de proximidade; capturados polos nosos mariñeiros”, en palabras da mandataria local, quen tamén agradeceu a aposta de Turismo de Galicia para que o musical O Camiño do Amor teña como lugar de estrea o municipio; unha ópera rock que estará conducida polo artista local Toñito de Poi.

No acto de presentación tamén participaron o patrón maior da Confraría de Pescadores de Ribeira, José Antonio Pérez; o xerente da Lonxa, Fernando Carreira; a presidenta da Asociación Cultural e Recreativa Rúa do Sal, Raquel Sanlés; o director e produtor de programas da TVG, Carlos Alleres; o director musical, Diego Grande; e o artista local Toñito de Poi.

O recadado coas racións de chopo irá destinado á propia Asociación Recreativa e Cultural Rúa do Sal, a Asociación ELA Galicia e o Club de Remo Náutico de Ribeira.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...