
O PSOE de Ribeira presentará no vindeiro pleno unha pregunta dirixida ao Goberno local para coñecer a súa valoración sobre a situación actual da sanidade pública no municipio e que medidas pensa adoptar para frear o seu progresivo deterioro. A iniciativa, sinala o responsábel local dos socialistas, Francisco Suárez-Puerta, “nace da crecente preocupación social existente en Ribeira, especialmente no ámbito da Atención Primaria, onde continúan a rexistrarse problemas estruturais como a falta de profesionais, a saturación asistencial e as demoras prolongadas para obter cita”.
Segundo recollen os socialistas e reflicte Francisco, “esta situación está a dificultar unha atención sanitaria en condicións dignas e comprometendo o acceso da veciñanza ao sistema público; e a esta realidade súmanse esperas de varios días —e mesmo superiores a unha semana— para conseguir cita médica”, unha circunstancia que consideran “inaceptábel” nun sistema público que debe garantir accesibilidade e rapidez.
O grupo socialista tamén pon o foco na resposta social que esta situación está a xerar, con mobilizacións sostidas no tempo en defensa da sanidade pública. Entre elas, destacan as concentracións recentes como a que se celebrará este martes 21 diante do Hospital do Barbanza, así como as accións reivindicativas desenvolvidas nos últimos anos nas parroquias de Palmeira, Corrubedo e Aguiño e no propio PAC de Ribeira.
O portavoz socialista, Fran Suárez-Puerta, engadiu que é “necesario que o Goberno local deixe de posar co conselleiro, asuma a súa responsabilidade e se posicione con claridade esixindo á Xunta as melloras necesarias para garantir unha sanidade pública de calidade”. Desde o PSOE de Ribeira subliñan que “o silencio e a inacción do Executivo local non son unha opción ante unha situación que afecta directamente á veciñanza”, polo que consideran que “é necesario un posicionamento firme e unha defensa activa dos intereses de Ribeira como facíamos nos no anterior goberno”.



