
O Concello de Porto do Son conmemorou hoxe o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, e fíxoo coa iniciativa Todos/as baixo o mesmo paraugas. Neste acto, que tivo lugar na praza de España ás 12:00 horas, as persoas asistentes recibiron un paraugas da campaña e presenciaron a lectura do manifesto, na que participou o alcalde, Luis Oujo, acompañado dun nutrido grupo de veciñas e veciños e asociacións inclusivas como Ambar.

A programación de actividades municipais con motivo desta data continuou coa campaña de sensibilización e formación no colectivo adolescente do IES Porto do Son, antes da celebración do Cross Training en Igualdade do sábado 28 de novembro, no Polideportivo de Trapa (con inscricións gratuítas en deportesdoson@gmail.com).

Ademais, a axenda do 25 do Concello do Porto do Son inclúe até o 30 de novembro, no Museo Marea, a exposición Mulleres e o Mar, en palabras do Concello “un tributo a todas aquelas mulleres traballadoras e loitadoras incansábeis que dende o século XIX e ao longo do XX estiveron vencelladas estreitamente ao mar e as súas industrias, e é un relato colectivo de todas estas profesionais da pesca: redeiras, mariscadoras, regateiras, conserveiras”. Pode verse de martes a xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas e venres e sábados de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00h A entrada é libre e de balde.
Tamén está prevista unha campaña de sensibilización no marco da carreira Sin-Son (o domingo 20 de decembro) e un curso de autodefensa para mulleres no Polideportivo de Santa Irene (o 24 de xaneiro).





