
O pleno da Deputación da Coruña aprobou este 29 de abril, no marco dun expediente de modificación de créditos, unha partida adicional por importe de 65 millóns de euros para Plan Único (POS+2026), que se suman aos 88 millóns consignados inicialmente, elevando o investimento total ata os 153 millóns de euros.
O incremento no Barbanza é de 7.594.302,60, dando como resultado a cifra total de 18.681.564,86 millóns de euros.
A cifra total supón un incremento de preto dun 11% respecto aos 138 millóns totais de 2025 e consolida o Plan Único como o principal instrumento de cooperación municipal de Galicia e unha referencia a nivel estatal pola súa dimensión, flexibilidade e impacto directo nas economías dos concellos.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “o Plan Único é hoxe a mellor ferramenta que teñen os concellos para garantir servizos, investir e planificar con estabilidade, especialmente nun momento de forte incremento dos custos”. Formoso subliñou que “estamos nun contexto marcado pola inflación, pola incerteza internacional e polo encarecemento da enerxía e dos servizos, e os concellos están asumindo máis gastos que nunca, polo que este plan resulta clave para darlles seguridade e capacidade de resposta”.
O presidente puxo en valor o modelo do POS+, baseado, dixo, “nun reparto obxectivo, transparente e equitativo dos fondos entre os 93 concellos da provincia, atendendo a criterios como a poboación ou a superficie de cada concello”.
Formoso lembrou ademais que “son os concellos os que deciden libremente en que investir, en función das súas prioridades e do que precisa a súa veciñanza”, explicou.
| Comarca do Barbanza | POS+ inicial /2026 | POS+ AD2/2026 | Total POS+ 2026 |
| Boiro | 1.403.036,27 | 954.642,25 | 2.357.678,52 |
| Carnota | 648.467,12 | 435.182,44 | 1.083.649,56 |
| Lousame | 731.599,68 | 460.806,13 | 1.192.405,81 |
| Mazaricos | 1.196.641,58 | 739.206,45 | 1.935.848,03 |
| Muros | 883.509,95 | 547.425,41 | 1.430.935,36 |
| Noia | 956.926,40 | 761.587,89 | 1.718.514,29 |
| Outes | 914.754,27 | 573.139,44 | 1.487.893,71 |
| Pobra do Caramiñal, A | 714.617,41 | 582.466,57 | 1.297.083,98 |
| Porto do Son, O | 1.040.785,92 | 702.902,69 | 1.743.688,61 |
| Rianxo | 907.021,04 | 632.948,48 | 1.539.969,52 |
| Ribeira | 1.689.902,62 | 1.203.994,85 | 2.893.897,47 |
| Total comarca | 11.087.262,26 | 7.594.302,60 | 18.681.564,86 |



