O CETGA (Couso) achega avances para garantir a supervivencia da ameixa xapónica e do berberecho

08 Abril 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse este mércores 8 de abril co director do Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (o CETGA, con sede en Couso, Aguiño), Santiago Cabaleiro, co obxectivo de seguir avanzando no estudo da supervivencia da ameixa xapónica e do berberecho en episodios de baixa salinidade no marco do proxecto Biorem do CETGA, a día de hoxe en desenvolvemento

Durante o encontro, Villaverde interesouse sobre a evolución desta pioneira iniciativa á que a Xunta destina preto de 700.000 euros, e que permite establecer medidas estratexias que illen e seleccionen cepas bacterianas con características probióticas asociadas ao seu cultivo, de xeito que se mellore o estado do substrato no que se desenvolven, garantindo así a supervivencia do recurso.

Segundo destacou Villaverde, “esta acción constitúe un paso decidido co mantemento do marisqueo, unha actividade que se viu especialmente afectada polas intensas choivas rexistradas nos últimos meses e que motivaron a posta en marcha dun plan de choque para a recuperación dos bancos, dotado con 22,7 millóns de euros”.

O proxecto, impulsado para dar resposta a un dos principais retos do sector, ten como obxectivo identificar as causas do descenso da produción e aplicar solucións biotecnolóxicas que aseguren o futuro do marisqueo, un sector que, en palabras da conselleira, “é esencial para Galicia e constitúe unha importante fonte de subministración de alimentos”.

E é que no último ano, os bivalvos en cultivo sufriron unha elevada mortaldade. O cambio climático, a contaminación, a sobrepesca e as especies invasoras, entre outros factores, están a afectar ás rías e provocan cambios nos ecosistemas mariños, facendo que algunhas especies non sexan capaces de adaptarse a ese medio tan hostil, como é o caso das especies mencionadas.

Ademais, a dispoñibilidade de semente, a súa calidade e un tamaño axeitado son outros factores limitantes para a evolución do cultivo intensivo da ameixa. Un contexto que pon de relevo a importancia de investigar e de implantar estratexias de cultivo que aumenten a supervivencia, capacitándoos para afrontar os cambios orixinados por fenómenos ambientais adversos.

Deste xeito, mediante este proxecto identificaranse as bacterias beneficiosas e as prexudiciais, analizando os cambios que se producen na súa abundancia, e asociándoos aos cambios de salinidade. “O coñecemento xerado poderá ser aplicado para o desenvolvemento de estratexias de biorremediación ambiental, que incrementen a supervivencia do recurso e a mellora do estado sanitario”, explicou a conselleira.

Para a execución desta iniciativa, a Consellería do Mar colabora co Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura que conta, ademais, coa participación de dous grupos de investigación da Universidade da Coruña (UDC): o Grupo de investigación en Bioloxía Mariña (GIBE) do Centro de Investigación Científica Avanzada (CICA) e o Grupo Microalgae do Departamento de Microbioloxía da Facultade de Ciencias.

O CETGA agrupa ás principais empresas relacionadas do sector, situándose como referente internacional na acuicultura. As súas plantas, repartidas por toda Europa, representan o 85 % da produción europea de rodaballo e linguado.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.