Novo e decisivo impulso á residencia de maiores de Rianxo: a Corporación acorda ceder a parcela á Deputación para a súa construción

15 Abril 2026

Tal e como estaba previsto o pleno da Corporación de Rianxo aprobou este 14 de abril, en sesión extraordinaria, a cesión dunha parcela de titularidade municipal á Deputación da Coruña para a construción dunha residencia de maiores.

Será a segunda residencia de maiores que impulsa o ente provincial coruñés nos seus 200 anos de existencia e requirirá da mobilización dun importante investimento dadas as características do proxecto, segundo confirmou previamente a institución provincial.

Valentín González e Julián Bustelo, presidente da Deputación e alcalde de Rianxo, asinando o acordo para a construción da residencia nunha foto de arquivo

A residencia estará formada por pequenos fogares nos que os as persoas residentes disporán de habitacións amplas con espazos abertos, zona de cociña, salón, baño propio, acceso a zonas exteriores e a posibilidade de personalizar a decoración, para favorecer a identidade e a intimidade de cada persoa usuaria.

Ademais, a atención sociosanitaria será integral e adaptada ás necesidades de cada persoa, “grazas a un equipo estábel e especializado de profesionais que traballará directamente con cada unidade de convivencia, nunha proporción que permitirá coñecer ben ás persoas atendidas e prestarlles unha atención próxima e de calidade, minimizando a rotación de persoal e garantindo a continuidade do coidado”, confirmou o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, quen manifestou o seu agradecemento á Deputación da Coruña e ao seu presidente, Valentín González Formoso, “pola súa aposta decidida por Rianxo”. E engadiu: “O traballo conxunto entre as administracións resulta imprescindíbel para acadar retos desta magnitude”.

A nova residencia (Casa de Acompañamento aos Maiores) estará emprazada a carón do IES Félix Muriel e vén cuns 8.000 metros cadrados, dos cales 5.300 son edificábeis.

A residencia de Rianxo é un dos tres centros que integran o novo modelo público de atención ás persoas maiores impulsado pola Deputación, que aposta por “infraestruturas pequenas, humanas e integradas na comunidade”, sinalaron os responsábeis da institución.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou recentemente que as CAM “rompen cos modelos tradicionais de residencias e poñen no centro ás persoas. Non queremos construír almacéns, senón fogares. Apostamos por un modelo máis humano, máis próximo e máis digno, que permita ás persoas maiores vivir nun entorno familiar, conservando os seus vínculos afectivos e a súa autonomía”, afirmou, engadindo que este proxecto “nace como experiencia piloto que pode servir de referencia para outras administracións con competencia nesta materia”.

Como dixemos, o proxecto da CAM de Rianxo desenvolverase nunha parcela de 8.000 metros cadrados, dos cales 5.300 serán edificábeis. O edificio organizarase en catro unidades convivenciais que, en conxunto, ofrecerán 59 prazas. As unidades contarán con cociña salón e espazos comúns que reproducen o ambiente dun fogar, evitando a estrutura institucional e hospitalaria dos centros tradicionais, ademais a accesibilidade e a integración co entorno serán elementos fundamentais do deseño, que incluirá xardíns, horta, zonas de convivencia e espazos abertos para a relación coas familias e coa comunidade.

Entre os servizos previstos figuran atención médica xeriátrica, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional e fisioterapia, ademais de programas de estimulación cognitiva e actividade física. O centro incorporará tecnoloxía avanzada, con sensores de confort ambiental, sistemas de prevención de caídas, telemedicina e dispositivos intelixentes que mellorarán a seguridade e a personalización dos coidados.

A iniciativa forma parte do plan provincial da Deputación da Coruña para crear tres Casas de Acompañamento nas Pontes, Ordes e Rianxo, inspiradas nos modelos europeos de quinta xeración implantados en países como Dinamarca, Suecia ou os Países Baixos. Estes centros, máis pequenos e de proximidade, buscan evitar o desarraigo das persoas maiores e favorecer a súa integración na vida comunitaria.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...