“Homenaxe a Quico Dominguez, por Andrés Torres Queiruga”

27 Abril 2026

Iniciamos hoxe en “obarbanza.gal” a publicación dos escritos de apoio á “Homenaxe a Quico Dominguez”. Co inicio do novo ano púxose en marcha en Ribeira unha iniciativa para recoñecer, lembrar e homenaxear a figura do enxeñeiro industrial, investigador e intelectual galeguista Francisco (Quico) Domínguez, veciño do Pombal (Santa Uxía) recentemente falecido. A proposta, que xa conta con múltiples apoios de entidades culturais e colectivos locais, foi impulsada por Xosé Manuel e Pura Gago Domínguez, sobriños de Quico Domínguez, xunto con Andrés Fariña Cadenas, amigo persoal de Quico, e por Santos Oujo Bello (presidente fundador do Ateneo Valle-Inclán, con sede en Ribeira).

Este primeiro texto é do teólogo, Andrés Torres Queiruga. En sucesivos días seguiremos a recoller a doutras persoas que apoian a iniciativa para a que aínda se pode unir o que o desexe chamando o número  611 75 15 20 (Xosé Manuel Gago Domínguez).

Homenaxe a Quico Dominguez, por Andrés Torres Queiruga”

“Tardei en coñecer a Quico. El viña dos seus estudos en Bilbao e eu dos meus en Comillas e Roma. Pero en canto nos encontramos, sentimos a irmandade de intereses e ideais. Aguiño e Ribeira uníronnos pola base, con esa familiaridade que dá a paisanaxe. E despois, case que de inmediato, veu o común interese por Galicia. Descuberta, dalgún modo, desde fóra, convertéusenos aos dous en meta moi decisiva da dedicación e do traballo. Tamén, na vivencia dun cristianismo actualizado e comprometido polo avance da nosa terra na conciencia e na colaboración, dentro das novas posibilidades que entón se abrían para o futuro común.

E fun coñecendo, cada vez con máis admiración, a súa xenerosidade, a súa capacidade de comuñón e amizade. Por el souben moitas cousas, grazas aos seus contactos cos galeguistas de Vigo, aos que quería e admiraba e dos que aprendeu moito, tanto da nosa historia como do moito que se podía e se debía facer para seguir adiante, en tempos de futuro de espertar ás novas posibilidades.

A súa preocupación social e política estivo sempre intimamente unida á cultural. E dentro desta, á relixiosa. Entregouse con xenerosidade no compromiso práctico, colaborando e animando a acción de Cáritas. E foi un puntal no cultivo da nacente literatura relixiosa. En SEPT foi promotor incansable na tradución dos textos litúrxicos e na edición de libros relixiosos que puxesen a nosa teoloxía en contacto coa que de facía no mundo, despois da renovación do Vaticano II.

Cristián de fe firme e comprometida, sempre en contacto cos que sen comulgar na fe, contribuían ao avance de nosa comunidade. Respectou sempre a todos e foi respectado por eles. Falar de Quico ou de Francisco Domínguez era sempre un punto de encontro para a colaboración desinteresada e para o entusiasmo sempre cargado de esperanza. Falar con Quico foi sempre para min, estímulo e exemplo. E mesmo, fonte de información de como estaban os problemas e por onde ían as iniciativas que creaban futuro.

Falo de min, pero podía falar doutras persoas que sempre concordaban no aprecio e na seguridade de que nunca fallaría nos compromisos que ía asumindo. E asumiunos, xeneroso, ata o último momento, cando podería descansar ou dedicarse máis a coidar os seus intereses e incluso a súa saúde.

Ribeira sempre estivo ao fondo, coma un referente entrañable. E todos coñecían que alí tiña as súas raíces, con Maribel sempre acompañando, facilitando e colaborando cando era preciso. Nas visitas a Aguiño, nos tempos de Paco, o párroco fundador, os encontros eran sempre frescos e ilusionados. Compartían —compartiamos— o interese pola unidade e a colaboración.

Que agora se lle dedique un espazo público no barrio do Pombal, de nome fermoso e cargado de tradición, é un honor para el e un xesto agradecido que nos honra a todos. O noso Concello común sairá engrandecido.”

Andrés Torres Queiruga

Outros artigos

Este xoves 11 teremos ceos con nubes altas e unha suba das temperaturas

Galicia vivirá este xoves 11, San Bernabé, unha xornada marcada pola estabilidade atmosférica, coa influencia anticiclónica e a entrada dunha masa de aire cálido procedente de latitudes inferiores. Agárdanse ceos con nubes altas, aínda que estas non impedirán o paso...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

Acabó la temporada futbolística y, con ella, las alegrías, las decepciones, los ascensossoñados y los descensos temidos. Pero cuando el balón deja de rodar queda tiempo parareflexionar sobre algunas cosas que ocurrieron en los estadios y que merecen unareflexión.Una...