
O autor Duarte Correa Piñeiro vai presentar esta semana na Pobra do Caramiñal o libro O imperialismo no século XXI. Será ás 20.30 no salón de actos da Biblioteca Municipal da Pobra, organizada pola Asociación Cultural A Trastenda e por Galiza Nova.
Esta obra aborda unha cuestión imprescindíbel para comprendermos o mundo de hoxe, especialmente nun contexto en que, a cada pouco, novos acontecementos de grande impacto no ámbito internacional nos sobresaltan e deitan por terra certezas que parecían inamovíbeis.
“Falar hoxe de imperialismo é falar dunha realidade presente que debemos entender para comprender tamén como afecta ou pode afectar a nosa vida cotiá”, explícase na capa do libro, que serve unha pormenorizada análise crítica do imperialismo actual e o papel da OTAN como instrumentos dos Estados Unidos nun momento en que esta potencia tenta soster unha hexemonía en declive. Examina, ademais, a chamada autonomía estratéxica da Unión Europea e o aumento do gasto militar, revelando o que se oculta tras estes discursos.
Duarte Correa Piñeiro (Vigo, 1966). Diplomado en EXB e Licenciado en Xeografía e Historia, é profesor de Ensino Secundario no IES Ramón Cabanillas de Cambados.
Militante nacionalista desde moi novo, foi membro da Executiva Nacional da CIG-Ensino.
É co-autor dos libros Galiza: Poboación e Industria e O estudantado sae á rúa. ERGA no
movemento estudantil galego.
Autor do caderno 50 Aniversario de ERGA (1972-2022).
Leva moitos anos dedicado ao ámbito da análise internacional. Colabora regularmente sobre esa temática en publicacións galegas e internacionais e participa decote como relator convidado en diversos seminarios e actividades formativas en Europa e América Latina, con traballos sobre xeopolítica, relacións internacionais, imperialismo e loita dos pobos pola soberanía.






