A estación náutica de O Freixo foi escenario este sábado da segunda proba puntuable do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica – Grupo Davila, unha cita que volveu rexistrar un notable éxito de participación e nivel competitivo.
A competición desenvolveuse nas augas da Ría de Muros e Noia, repetindo o escenario da primeira proba, e contou con arredor dunha vintena de pilotos. O municipio de Outes foi o elixido polos organizadores, a Real Federación Galega de Motonáutica e ADECO-DEA, para acoller esta segunda cita do calendario.

Desde primeira hora da mañá, os técnicos da federación prepararon o percorrido na lámina de auga próxima á estación náutica, dando comezo a unha proba na que os participantes demostraron unha gran pericia e destreza, ao ter que memorizar o trazado e xestionar os tempos sen apoio tecnolóxico.
A xornada deixou resultados sorprendentes, xa que ningún dos equipos que acadaran podio na primeira proba disputada en Portosín logrou repetir entre os tres primeiros postos en O Freixo, o que evidencia o alto nivel e igualdade existente entre os participantes.
A vitoria foi para o equipo vigués formado por Julio Prada e Eugenia Fernández. A segunda posición foi para os noieses Pepe Barrio Guldrís e María Barrio Bouzas, mentres que o terceiro posto recaeu en Enrique Dios e María Barrio.
Na entrega de premios estiveron presentes o concelleiro de Deportes de Outes, José Antonio Caamaño; a secretaria da Federación, Ana Iglesias; e o presidente de ADECO-DEA, Pepe Barrio.
A seguinte cita do campionato terá lugar no mes de maio en Tui, onde ademais será puntuable para o Campionato de España, dando continuidade a unha competición que destaca pola súa inclusión e pola igualdade de oportunidades entre os seus participantes.




