A lousamiá Esperanza Piñeiro presenta este sábado o seu primeiro libro: “Sentimentos”

08 Abril 2026

O auditorio da Casa da Cultura Santeiros de Chave de Lousame acollerá este sábado 11 de abril, ás 19:30 horas, a presentación do libro Sentimentos, editado por Esperanza Piñeiro Abeijón, veciña de Tállara (Lousame). Un acto que foi presentado este mércores 8 pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e a propia autora, acompañadas polos técnicos municipais de Cultura, Eduardo Agraso e Teresa Baluja, e o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral.

Silvia Agrafojo aproveitou para felicitar a Esperanza “pola edición do seu primeiro poemario. É unha persoa moi valente por dar este paso” e convidou á veciñanza a asistir o próximo sábado á presentación do libro. “Esperanza é unha persoa moi activa en Lousame, sempre disposta a colaborar polo que para nós é un valor engadido esta presentación”, apuntou a concelleira, quen salientou que “estamos moi orgullosos dela e do seu libro”. Así mesmo, comentou que “contábanos antes de empezar a presentación que é o primeiro, pero que xa ten en momento facer máis. De momento, imos desfrutar deste primeiro poemario, darche os parabéns e agardar por próximas publicacións”.

Biografía en verso

Pola súa banda, Esperanza Piñeiro amosouse “moi agradecida polo apoio” e asegurou que “este é un libro que me facía moita ilusión facelo, dende hai moitos anos, e por fin ve a luz. É un libro que está baseado nas miñas experiencias, nas miñas alegrías, nas miñas penas, nas miñas ilusións… É coma se fora unha biografía, en verso”. Neste sentido, explicou que o libro está composto por “poemas pequeniños e se algún deles vos chega un pouquiño ao corazón, sentireime plena. Sentirei que valeu a pena todos estes anos de espera”.

Así, unha moi nerviosa Esperanza indicou que “non son máis ca unha muller que observa, sente e agradece. O que aquí deixo é o que vivín e o que me fixo ser quen son. Cada poema é un anaco da miña alma, escrito sen presa e con verdade”.

Presentación

Finalmente, Eduardo Agraso destacou que “dende o Departamento de Cultura do Concello de Lousame estamos encantados de que Esperanza contara con nós para presentar a súa primeira obra”, poñendo en valor que “unha persoa se abra e que exprese os seus sentimentos, os publique e os comparta cos demais. É un diario de vida e seguro que lle chega a todos os veciños e veciños”, aos que convidou a participar na presentación do próximo sábado 11 de abril, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame.

Durante a presentación, Esperanza Piñeiro dará lectura a algúns dos seus poemas, ademais de explicar polo miúdo como xurdiron as distintas composicións que integran este seu primeiro libro. Dous deses poemas foron musicados por Javier Seijas, quen os interpretará durante a presentación.

O acto rematará coa sinatura de exemplares do libro Sentimentos, xa á venda en Amazon e cuxos exemplares tamén se poderán adquirir durante a presentación. O libro, de 205 páxinas, está editado en tapa branda e pode adquirirse por 15,59 euros en Amazon.es.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.