A Deputación reivindica o talento galego na V Gala da Cultura (con premio para a firma D-Due de Rianxo)

17 Abril 2026

O Teatro Colón acolleu na tarde deste xoves 16 de abril a V Gala Da Cultura, unha cita na que se deron cita 19 premiados nas 13 categorías impulsadas pola Deputación da Coruña e nas que se recoñece o talento nas máis diversas categorías.

Foi, en palabras da institución provincial, “un evento que cumpriu coa premisa de ser un espazo de encontro artístico, recoñecemento e defensa da creación tanto en Galicia como fóra, a través dalgúns dos premios que xa contan coa categoría de internacional”.

A cita, presentada pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño&Ameixeira. Do mesmo xeito, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Cultura, Natividade González, lembraron nas súas intervencións a importancia de recoñecer o talento e a calidade que xorden ao redor destes premios.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia de apoiar o talento, tanto na educación como na cultura. Puxo como exemplo a historia da ribeirá Rosa Crujeiras, a nena dunha pequena escola rural de Artes á que lle chegaron a dicir que con saber “as catro regras era suficiente”, e que hoxe é a primeira reitora da Universidade de Santiago nos seus máis de 500 anos de historia.

Pola súa banda, Natividade González reivindicou a cultura como “un dereito vivo, conectado coa realidade, que non pode entenderse separado da vida da xente”, e defendeuna como “unha práctica social viva, compartida que contribúe á transformación social e á construción de identidade colectiva”.

Nesta V edición cobraron un especial protagonismo os sanandresiños, que decoraban o teatro desde o exterior ao escenario pasando polo photocall, “un recurso que simboliza a oda á sorte que, unida ao talento, tantas veces faise necesaria para dar visibilidade á arte”. Ao mesmo tempo, estes elementos exerceron de recordo pola conexión coa identidade cultural do país desde unha linguaxe accesible e contemporánea.

Unha gala para a cultura

O evento, que volveu contar coa dirección artística de Thais Suárez, foi unha oda á cultura desde o acceso ao teatro. Así, unha hora antes, os asistentes puideron ver o traballo realizado polo artesán Jorge Bellón —único artesán de Santo Andrés con certificación de Artesanía de Galicia— para a realización de sanandresiños.

Un mural de sanandresiños fixo as veces de photocall e sobre o escenario, decorado polos mesmos elementos que a fachada e o acceso, déronse cita os premiados e presentadores, estes últimos vestidos por novos artistas estudantes da Escola de Deseño Mestre Mateo. Laura Villar asinou as pezas de Susana Pedreira e Lucía Cabeza as de Xoán Fórneas.

Premio de igualdade

Un acto que comezou coa entrega dos premios Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, que na súa IX edición pasaron da área de Cultura da Deputación á de Igualdade para recaer nas produtoras Mala Herba na modalidade de iniciativa e Illa Bufarda en recoñecemento á súa traxectoria.

Deseño e cine

A continuación pasaron polo escenario Rosario Forján e Alfredo Olmedo, da firma rianxeira D-Due, que recolleron o galardón da primeira edición Luis Seoane de deseño.

Outra primeira edición que se entregou esta noite foi a de José Gil de filmes en lingua galega, que foron un recoñecemento ao guión de longametraxes de ficción para Ángela Andrade e en documental para Borja Casal. Doutra banda, a traxectoria de Margarita Ledo foi recoñecida pola súa relevancia no audiovisual galego.

Galardóns artísticos gráficos

Carol Núñez, da Galería Vilaseco da Coruña, foi a encargada de recoller o premio que na XX edición do Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica foi para Regina Giménez. Tras ela, Juan Manuel de la Quintana e Ana Gesto recibiron respectivamente os galardóns da XX edición dos premios internacionais Luís Ksado de creación fotográfica e Isaac Díaz Pardo de Arte.

Premios literarios

Ao longo da tarde Pablo Escudero e José “Estro” Montaña subiron ao escenario do Teatro Colón para recibir os premios do XXXVII Premio Torrente Ballester de Narrativa, nas categorías en lingua castelá e galega respectivamente. Manuel Barreiro, Elías Taño e Giovanna Lopalco, premiados co Castelao en banda deseñada, mostraron en directo os seus dotes artísticos antes de recoller os seus galardóns. Tras eles, Xosé Manoel Núñez Seixas recolleu o premio Manuel Murguía de ensaio e Antía Yáñez o Raíña Lupa de literatura infantil.

Premios musicais

A parte musical dos premios comezou co máis novo dos premiados nesta edición no VIII concurso Quero Cantar, que recolleu Gael Ares por Bule bule, tema que foi cantado polos presentadores da gala, o mesmo que fixeron con Preto de ti, da categoría xuvenil, co que foron premiadas Emma & Candela.

Pola súa banda, Hugo Gómez-Chao Porta, director artístico do festival RESIS, foi o encargado de recoller o premio internacional Andrés Gaos que na XVI edición recoñeceu o traballo do director e compositor Aitor Vázquez. A V Gala finalizou coa presenza de Belem Tajes, premiada no XVII concurso Fran Pérez Narf.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...