Rianxo conmemora os 50 anos do achado do Casco de Leiro cunha visita cultural ao lugar do descubrimento

10 Marzo 2026

O vindeiro xoves 19 de marzo ás 12:00 horas, a parroquia de Leiro, en Rianxo, acollerá unha visita cultural ao Curruncho dos Porcos, o lugar onde o 7 de abril de 1976 apareceu o coñecido Casco de Leiro, unha das pezas máis enigmáticas da Idade do Bronce en Europa. A actividade está organizada pola Asociación Etnolóxica Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, coa colaboración do Concello de Rianxo, dentro dos actos de conmemoración do 50 aniversario do achado, que a entidade celebrará ao longo deste mes de marzo e tamén no vindeiro mes de abril.

A historia

O casco foi descuberto de maneira totalmente fortuíta polo pescador José María Vicente Somoza. Naquel momento atopábase realizando traballos no seu terreo, situado xunto ao mar, onde acondicionaba unha pequena caseta para gardar a súa embarcación e os aparellos de pesca. “Aquel xesto cotián acabou converténdose nun dos achados arqueolóxicos máis relevantes da prehistoria galega”, explican dende a Asociación, engadindo que “case medio século despois do seu descubrimento, o Casco de Leiro continúa a ser un dos obxectos máis singulares da prehistoria de Galicia”. A súa aparición, apuntan, permitiu reavaliar o papel do noroeste peninsular durante a Idade do Bronce, “demostrando que Galicia non estaba illada, senón que formaba parte das grandes correntes culturais que atravesaban Europa naquela época”.

A visita cultural organizada en Leiro pretende precisamente reivindicar a memoria do descubrimento e o seu significado histórico, poñendo en valor tanto o lugar do achado como a figura do seu descubridor.

Durante a actividade intervirán Héctor Vicente Mosquera, fillo de José María Vicente Somoza; Julián Bustelo, alcalde de Rianxo; Bea Comendador, doutora e profesora da Universidade de Vigo; Juan Carlos Collazo, activista do patrimonio rianxeiro e Xusto Xosé Ordoñez, secretario da Asociación Etnolóxica A.D.M.R. Castelao. Ao longo do acto ofrecerase unha contextualización histórica e arqueolóxica da peza. Ademais, está previsto que durante a xornada se proceda ao enterramento dunha cápsula do tempo no lugar do achado, como símbolo de memoria colectiva e homenaxe ao descubrimento.

En palabras da organización, “a iniciativa busca achegar aos asistentes a historia deste extraordinario achado e lembrar que, como aconteceu aquel 7 de abril de 1976, ás veces os grandes descubrimentos da historia nacen de xeito inesperado, no medio da vida cotiá dunha comunidade mariñeira”.

Máis detalles do achado

José María Vicente Somoza, mentres escavaba cunha picocha, ao redor das doce do mediodía, atopou unha vasilla de barro enterrada a uns 60 centímetros de profundidade. No seu interior apareceu unha peza metálica que nun primeiro momento pensou que era de ferro. Porén, un compañeiro que observaba o achado advertiulle de que se trataba de ouro. Durante tres días o obxecto permaneceu na súa casa, onde numerosos veciños acudiron a velo, incluídos os párrocos do Araño e de Leiro. Finalmente, por recomendación destes, decidiu entregar a peza ás autoridades. O casco permaneceu durante 18 días custodiado no cuartel da Garda Civil de Rianxo, ata que foi trasladado ao ámbito institucional para o seu estudo e conservación.

Pola entrega do achado, José María Vicente Somoza recibiu un millón de pesetas (uns 6.000 euros), unha cantidade que posteriormente se considerou moi inferior ao valor real da peza. Segundo recorda o propio descubridor, a familia foi sometida a presións e informacións confusas durante o proceso administrativo.

Na actualidade, o chamado Casco de Leiro consérvase e exhíbese no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón, na Coruña, onde pode ser visitado polo público. O propio descubridor manifestou sempre a súa satisfacción por que a peza permaneza na provincia e accesible á cidadanía. O casco continúa considerado unha das pezas máis enigmáticas da Idade do Bronce europea

O Casco de Leiro é unha peza de ouro macizo martelado dunha soa lámina, cun peso aproximado de 270 gramos, 19,5 centímetros de diámetro e 15 centímetros de altura. A súa superficie está decorada con bandas de círculos concéntricos repuxados, e presenta na parte superior un característico apéndice cónico que deu lugar a múltiples interpretacións.

A pesar da súa denominación popular, os especialistas coinciden en que non se trata dun casco de uso militar, xa que a súa estrutura é demasiado fina para cumprir unha función protectora. As teorías máis aceptadas apuntan a que podería tratarse dun obxecto ritual ou simbólico, é posíbel que unha cunca invertida de carácter cerimonial ou un símbolo de poder ou autoridade vinculado a prácticas relixiosas.

O achado de Leiro, datado entre os anos 1000 e 800 a.C., sitúase dentro dun contexto cultural máis amplo da Europa da Idade do Bronce. O casco presenta claras similitudes con outros obxectos de ouro decorados con motivos xeométricos atopados en distintos puntos do continente, como os conos dourados de Schifferstadt (Alemaña), as coronas irlandesas de Comerford, as cuncas de Axtroki (Guipúscoa) ou o Tesouro de Villena (Alicante). Estes paralelismos apuntan á existencia dunha rede simbólica e cultural europea ligada ao ouro, ao sol e ao ritual, na que o noroeste peninsular tamén estaba integrado.

O feito de que a peza aparecese coidadosamente depositada no interior dunha vasilla de barro e enterrada, reforza a hipótese de que formase parte dun acto ritual ou ofrenda, se cadra relacionado con crenzas espirituais vinculadas ao territorio e á fertilidade.

“Cincuenta anos despois, o lugar onde apareceu o casco continúa sendo un espazo cargado de memoria”, sinala a Asociación Castelao, engadindo que “a visita ao Curruncho dos Porcos permitirá lembrar aquel achado inesperado e reflexionar sobre o valor dun patrimonio que forma parte da historia colectiva de Rianxo e de Galicia”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.