Juan Caballero. Texto e foto. A nova Xunta Directiva do Real Club Náutico Portosín toma as rendas da folla de ruta marcada para o vindeiros catro anos, con varios eventos de gran nivel no horizonte, sendo o máis próximo a regata clasificatoria para a clase Optimist que se vai a disputar esta fin de semana en augas da Ría de Muros e Noia.
A presentación da regata clasificatoria celebrouse no Salón Principal do Real Club Náutico Portosín, un acto ao que asistiu a delegada territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, María del Mar Ferreiro, acompañada polo Vicepresidente do Club, Fernando González; o seu comodoro, Miguel Reboreda; o concelleiro de deportes do Concello de Porto do Son, Carlos Lorenzo; o director técnico do RCN Portosín, Sergio del Río; e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Portosín, Isaac Gaciño; así como directivos da entidade social e deportiva.
González, actuando de anfitrión, foi o encargado de moderar as quendas de intervención, cuxo peche correspondeulle á delegada territorial, quen felicitou, en primeiro lugar, á nova Xunta Directiva afirmando, a continuación que “é unha honra vir a este club, un dos grandes da náutica da nosa comunidade autónoma, para presentar unha cita que é o máis importante que temos no deporte galego, as nosas bases, as nosas nenas e nenos”. Proseguía Ferreiro dicindo que “a clase Optimist, non só é unha competición, é unha escola na que comezan os nosos grandes regatistas, nenas e nenos que nos van a representar en campionatos nacionais e internacionais e Galicia é unha potencia mundial en vela e non é produto do azar senón dun traballo constante que empeza nestas idades onde o esforzo, a disciplina e o respecto polo mar convértense en valores fundamentais”.

Con máis dun centenar de nenas e nenos chegados desde todos os recunchos de Galicia, a cita promete moito nivel e alta participación, por ser a última regata que puntúa na clasificación galega da modalidade, antes de celebrarse o Campionato e a Copa de España da vela infantil.
Club Marítimo de Oza, Real Club Náutico da Coruña, Club Marítimo de Cariño, Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico Marina Coruña, Club de Vela Fluvial das Pontes, Club Alamar Sada, Club Náutico e Deportivo de Ribeira, Club Marítimo de Canido, Real Club Náutico Rodeira de Cangas, Real Club Náutico de Vigo, Monte Real Club de Iates de Baiona, Real Club Náutico de Sanxenxo, Real Club Mar de Aguete, e o propio anfitrión, o Real Club Náutico Portosín, na súa totalidade unha quincena de entidades náuticas que representan o activo máis importante das escolas de vela galegas, nove correspondentes á zona norte e as restantes, que son seis da zona sur. Confirmou tamén a súa asistencia Loli Camba, en representación da Real Federación Galega de Vela, que actuará de observadora.
Coa saída programada ao 14 h. o sábado e ás 11 da mañá o domingo, o Comité da regata buscará completar o programa da competición, que son seis mangas, tres por xornada. De cumprirse a previsión meteorolóxica para ambas as xornadas agárdanse brisas do noroeste o sábado, entre 6 e 10 nós de intensidade, do mesmo xeito que o domingo, que serán máis do norte.
Destacar a importante loxística que unha regata destas características implica, onde se necesita moito espazo e ben distribuído, non só para albergar os remolques e furgonetas, senón tamén as saídas ordenadas e rápidas á auga, para chegar canto antes e no tempo establecido ao campo de regatas. Este estará formado por un só conxunto de boias sobre a propia lámina de auga da ría de Muros e Noia no que se establecerán dúas saídas, a primeira para o grupo amarelo, aproximadamente uns 70 barcos, sendo os restantes, uns 60, os do grupo azul.
Patrocina GADIS, coa colaboración institucional da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza de Deportes; a Real Federación Galega de Vela; e o Concello de Porto do Son.



