O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo este mércores 4 de marzo unha reunión de traballo co presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA), Javier Domínguez, para avaliar vías de colaboración entre ambas entidades dependentes das Consellería do Mar e de Medio Ambiente e Cambio Climático, respectivamente.
Durante o encontro, ambos mandatarios afondaron nas posibilidades de colaboración para a xestión dos residuos que se xeran nos portos de titularidade autonómica. A este respecto, incidiron na importancia da separación dos residuos e do bo funcionamento dos puntos limpos que ten habilitados Portos de Galicia e sentaron as bases para avanzar na rede separativa de cara a unha maior sostibilidade ambiental dos peiraos galegos.
Finalmente, os presidentes de Portos de Galicia e SOGAMA analizaron tamén outras posibilidades de colaboración como entes dependentes da Xunta de Galicia para unha maior eficiencia administrativa.




