O río Tins chega á Universidade da Coruña como “exemplo vivo de restauración ecolóxica”

14 Marzo 2026

A Universidade da Coruña acolleu na mañá deste venres 13 de marzo a última das xornadas universitarias de presentación dos resultados do proxecto Renatur_Outes, unha iniciativa que durante tres anos impulsou a recuperación ecolóxica do río Tins ao seu paso polo núcleo urbano de Outes.

O proxecto foi coordinado pola Fundación CEER e desenvolvido coa participación de persoal investigador das tres universidades públicas galegas, o Concello de Outes e a Fundación Montescola.

A sesión, celebrada na Aula Náutica da UDC e coa participación do director da Escola Técnica Superior de Arquitectura, Miguel A. Abelleira, tivo como obxectivo compartir co ámbito universitario a experiencia dun proxecto que combinou investigación científica, intervención ambiental e implicación social.

María Rodríguez, técnica da Fundación CEER e coordinadora do proxecto subliñou que “a clave do éxito deste tipo de iniciativas está na cooperación entre a sociedade que vive nos territorios que queremos preservar, a universidade e a administración pública, conformando un triángulo fundamental para a protección e conservación da biodiversidade local. Ademais, é fundamental dar continuidade a estes procesos no tempo, mantendo unha visión a longo prazo que permita consolidar os avances acadados e garantir a sustentabilidade das intervencións.”

A xornada da Coruña completa así un ciclo de encontros académicos iniciado en Santiago de Compostela e continuado na Universidade de Vigo, nos que se foron dando a coñecer os resultados do proceso de restauración e aprendizaxes xeradas ao longo do proxecto.

Durante a sesión expuxéronse os principais datos do traballo realizado, que inclúe actuacións de recuperación ecolóxica, eliminación de especies invasoras e mellora da conectividade do ecosistema fluvial.

Entre os resultados máis destacados do proxecto atópanse:

Máis de 20.000 m2 de áreas verdes creadas ou restauradas

2 km de curso fluvial restaurados

Máis de 4 km de río limpo

300 m2 de illas de biodiversidade xeradas

Máis de 600 persoas participantes en accións de voluntariado ambiental

Máis de 800 persoas implicadas en procesos de gobernanza e participación social

Recuperación ecolóxica do río

Un dos eixes centrais do proxecto foi a mellora do estado ecolóxico do río Tins. As actuacións centráronse na recuperación do bosque de ribeira, na mellora da conectividade do leito fluvial e no control de especies invasoras presentes na contorna.

Entre elas destacan distintas especies de acacia (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou plantas do xénero Crocosmia, cuxa expansión estaba a afectar á vexetación autóctona. A súa retirada permitiu abrir espazo para a rexeneración natural das especies propias do ecosistema de ribeira.

Ciencia e comunidade

Outro dos aspectos que se abordaron na xornada foi o proceso de participación social desenvolvido arredor do proxecto. Ao longo destes anos organizáronse xornadas de voluntariado ambiental, actividades educativas e espazos de diálogo nos que participou a veciñanza de Outes, colectivos sociais e persoas interesadas na mellora do río.

Esta dimensión participativa permitiu incorporar a visión da comunidade ás actuacións realizadas e reforzar o vínculo entre o territorio e o seu patrimonio natural.

A presentación na Universidade da Coruña pecha o ciclo de encontros nas universidades galegas, aínda que o proxecto contará cun último acto de clausura institucional que terá lugar o 27 de marzo en Outes, unha xornada final na que se reunirán as entidades participantes coa propia veciñanza para facer balance do proceso desenvolvido ao longo destes tres anos de traballo.

Coordinado pola Fundación CEER e liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas: Universidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade da Coruña, e a Fundación Montescola, co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.