O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o alcalde de Padrón, Anxo Arca, co-presidiron a Xunta Local de Seguridade do Concello de Padrón, nun encontro no que se avaliaron os principais retos en materia de seguridade no municipio.

A reunión centrouse especialmente no deseño e análise do operativo de seguridade das festas da Pascua 2026, que se celebrarán entre o 27 de marzo e o 12 de abril. Durante estas datas, Padrón acollerá numerosas actividades lúdicas, verbenas e eventos multitudinarios, así como a tradicional feira cabalar e a feira de maquinaria agrícola.
Neste contexto, Julio Abalde destacou “a importancia da coordinación entre administracións e corpos de seguridade para garantir o correcto desenvolvemento das celebracións”, sinalando que “o obxectivo é que veciñanza e visitantes poidan gozar dunhas festas seguras e sen incidencias”.
Durante a xuntanza tamén se tratou o tema da loita contra a violencia de xénero. O subdelegado destacou, neste punto a importancia de reforzar os mecanismos de protección ás vítimas e animou ao Concello de Padrón a incorporarse ao sistema VioGén, unha plataforma estatal que permite realizar seguimento integral dos casos, avaliación do risco e coordinación entre institucións.
Actualmente, na provincia da Coruña rexístranse 2.675 casos activos de violencia de xénero e son 30 os concellos adheridos ao sistema. Padrón, aínda que conta cunha Mesa Local de Coordinación Interinstitucional e cun Centro de Información á Muller, non está integrado neste sistema.
Ademais, desde o ano 2018, o Concello de Padrón recibiu un total de 54.411,8 euros procedentes dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, destinados a reforzar as políticas públicas nesta materia.
Julio Abalde concluíu incidindo na necesidade de continuar avanzando na cooperación institucional para mellorar tanto a seguridade cidadá como a protección das vítimas máis vulnerables.



