Besteiro reclama no Parlamento que mariscadores e flota de artes menores poidan faenar as fins de semana cando o temporal impida saír en días hábiles

18 Marzo 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que o Grupo Parlamentario Socialista presentará no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei para que a Consellería do Mar modifique a normativa de días hábiles de actividade extractiva e introduza unha cláusula de excepcionalidade meteorolóxica. O obxectivo: que os mariscadores, a flota de artes menores e a do litoral poidan faenar en sábados, domingos e festivos cando os temporais lles impidan saír ao mar nos días previstos.

Besteiro fixo este anuncio tras reunirse coa Confraría de A Guarda, onde constatou de primeira man “a situación desesperada que vive o sector”, constatou, engadindo que os percebeiros desta confraría estiman que perderon arredor do 80% dos seus ingresos no que vai de ano.

Ademais, entre o 1 de xaneiro e o 20 de febreiro deste 2026, só puideron saír a traballar seis días. Oito de cada dez euros que deberían estar gañando, perdidos.

Besteiro confirmou que a costa da Guarda é unha das máis expostas de Galicia: “O percebe extráese en rocha batida, en zonas onde a ondaxe impacta directamente e cando hai temporal, é imposíbel traballar, ao que se sumou este ano un tren de dez borrascas en 45 días que non deron tregua, dando como resultado un mes de xaneiro que resultou ser un 98% máis chuvioso do normal en Galicia, con 290 litros por metro cadrado acumulados”.

“O que se pide é algo tan sinxelo como que os días inábiles pasen a ser hábiles pola petición que faga o propio sector”, sinalou Besteiro, engadindo que “se o temporal non me deixa traballar o martes, déixame saír o sábado…. iso xa se fai en Cantabria e en Asturias… alí o sector pide e a administración autoriza, aquí o sector pide e a Xunta pon escusas».

O líder socialista subliñou que os días hábiles de faena non están fixados por ningunha lei, senón que se regulan por ordes e resolucións da Consellería do Mar, que a propia Xunta pode modificar en calquera momento cunha simple resolución administrativa. “Non precisa reformar ningunha lei, non precisa ir ao Parlamento. O que chaman impedimento legal é falta de vontade política”, sentenciou.

A iniciativa parlamentaria socialista instará a Consellería do Mar a introducir esa cláusula de excepcionalidade meteorolóxica na normativa regulamentaria. “A habilitación excepcional activaríase a proposta motivada da confraría afectada, acompañada dun informe que acredite o número de días perdidos, e a Consellería deberá resolver nun prazo máximo de 72 horas, seguindo o modelo xa operativo en Cantabria”, explicaron os socialistas, engadindo que “a autorización excepcional manterá en todo caso as condicións biolóxicas e de sostibilidade dos plans de explotación: topes de captura, tallas mínimas, horarios e zonas autorizadas”.

A proposta tamén inclúe a aplicación inmediata á Confraría de A Guarda e a súa extensión a todas as confrarías galegas que o soliciten, así como a activación dun plan de compensación económica urxente para as persoas que acumulen máis de quince días de parada forzosa por temporais.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.