O centro tecnolóxico ITG presentou este venres 20 de febreiro no Museo do Mar de Vigo os resultados de POLYBRIS, unha iniciativa levada a cabo en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Cabildo Insular de Tenerife e confrarías de pescadores que demostrou a viabilidade técnica e ambiental de transformar residuos plásticos mariños en “materiais con alta capacidade de retención de contaminantes e en fontes de enerxía limpa, pechando o círculo entre contaminación e sustentabilidade”.

A xornada reuniu a representantes do ámbito científico, do sector marítimo-pesqueiro e das administracións públicas, así como de entidades colaboradoras, para coñecer de primeira man os avances alcanzados, destacando o impacto ambiental logrado e as posibilidades de aplicación real dos materiais obtidos en contornas vinculadas á economía azul.
Segundo informou o ITG, en condicións operativas óptimas, POLYBRIS logrou obter ao redor de 20 kg de sólido carbonoso (char) por cada 100 kg de residuo plástico tratado mediante procesos termoquímicos desenvolvidos nos laboratorios de ITG en Vigo. “Este material presenta un alto potencial como filtro natural para a retención de contaminantes presentes en augas costeiras e efluentes de actividades marítimo-pesqueiras, como piscifactorías ou plantas de procesado de produtos mariños”, sinala o instituto.

Pola súa banda, o IIM-CSIC informou que súas análises máis recentes mostran que, nun período próximo a oito horas, o sólido carbonoso desenvolvido alcanza unha retención próxima ao 100% dos PFAs ensaiados, compostos persistentes e bioacumulábeis de elevada preocupación ambiental. Este resultado evidencia a súa capacidade para actuar como solución eficaz na depuración de augas contaminadas, favorecendo o seu retorno seguro ao mar.
“Con POLYBRIS demostramos que se opde transformar un problema ambiental de gran magnitude nunha solución de alto valor engadido para a propia contorna mariña. A clave foi integrar ciencia, tecnoloxía e colaboración co sector pesqueiro para pechar o ciclo de forma real e medíbel”, sinalou Santiago Rodríguez Charlón, director da División de Enerxía en ITG.

En paralelo, o proceso permitiu alcanzar unha recuperación enerxética superior ao 65%, asociada principalmente á fracción gasosa xerada durante a gasificación. Este gas de síntese (syngas) pode empregarse como fonte de enerxía convencional (calor e electricidade) ou como precursor de biocombustíbeis como hidróxeno, metano, amoníaco ou metanol.
O proceso desenvolvido integra recollida, transformación e aplicación final nun mesmo ciclo de valor. Os residuos plásticos extraídos do mar convértense nun material capaz de depurar augas vinculadas á actividade marítima, configurando “un exemplo avanzado de economía circular aplicada á economía azul”.

Tal e como se destacou durante a presentación, “esta aproximación representa un avance diferencial ao abordar de forma integral a xestión do residuo mariño e a súa reincorporación como recurso útil para a propia contorna do que procede”.
Ademais do impacto científico-tecnolóxico, POLYBRIS reforzou a colaboración entre comunidade científica, sector pesqueiro e administracións públicas, implicando a 13 confrarías e a múltiples entidades locais en Galicia e Canarias. A xornada serviu tamén para compartir esta experiencia de cooperación e trasladar ao sector as oportunidades de escalado e adaptación da solución.



