Rianxo e A Estrada perfilan accións conxuntas para conmemorar a figura de Virxinia Pereira

06 Febreiro 2026

Os alcaldes de Rianxo, Julián Bustelo, e A Estrada, Gonzalo Louzao, anunciaron os días pasados, coincidindo coas homenaxes a Castelao (os Actos Castelao do 76º aniversario do seu pasamento), a súa intención de oficializar unha irmandade entre os dous concellos, que teñen como nexo común ao ilustre político, escritor e artista rianxeiro e á súa dona, a estradense Virxinia Pereira Renda. Nos actos participou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, tanto na ofrenda floral do Paseo da Ribeira como na presentación dun cadro doado á Fundación Castelao polo artista Fernando Yáñez, no Pazo de Martelo.

Ambos rexedores xa mantiveran meses atrás un encontro para programar conxuntamente iniciativas culturais. “Somos dous concellos unidos por esta parella”, apuntou Louzao, que trasladou entón a intención dos gobernos da Estrada e Rianxo de buscar iniciativas nas que se celebre unha figura tan emblemática como é a de Castelao, pero unindo as súas orixes de Rianxo co forte vínculo que tivo o emblemático autor e galeguista coa Estrada, a raíz do seu casamento con Virxinia Pereira.

Durante o seu discurso, e perante a presenza do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, do secretario xeral da Lingua, Valentín García, o subdelegado do Goberno na Coruña e un representante da Deputación coruñesa, o alcalde de Rianxo chamou pola da Estrada e, xuntos, anunciaron a intención de que os seus respectivos concellos emprendan este proceso. O pano de fondo do anuncio foi un cartel no que, de xeito intencionado, a rostro de Virxinia Pereira destacaba sobre o de Castelao, en primeiro plano.

“Estes dous municipios, un de interior e da provincia de Pontevedra, outro de costa e na da Coruña, danse hoxe a man como irmáns, unidos pola que foi unha parella transcendental para a historia de Galicia e para a galeguidade”, dixo o mandatario estradense, asumindo que a este simbólico paso terán agora que dar continuidade os correspondentes acordos plenarios nos dous municipios e o trámite administrativo e oficial que comportan este tipo de expedientes de irmandade.

Tras sinalar que os actos celebrados este mes en Rianxo dan continuidade neste 2026 ao Ano Castelao que se conmemorou en Galicia enteira ao longo de 2025, Gonzalo Louzao puxo o acento en que “na Estrada, este universo Castelao terá tamén moita presenza e continuidade no 2026 a través do Ano Cultural Virxinia Pereira, a estradense que o insigne galeguista escolleu como compañeira de vida, de alegrías, sufrimentos e tamén do profundo amor por Galicia e pola nosa lingua”.

De seguido, o alcalde estradense afondou na figura de Virxinia Pereira. “Non foi só a dona de Castelao; non foi só a súa abnegada compañeira. Sen ela, o legado artístico de Castelao non estaría hoxe a disposición do pobo galego”, dixo. “Virxinia non ten obra de seu, pero ten un inmenso valor”. “Na Estrada estamos convencidos de que non temos que pensar que a grandeza de Virxinia estivese detrás da de Castelao, porque ela estaba ao seu carón. Virxinia estaba á par de Castelao sempre. Foi a súa compañeira de vida e de loita, sendo fiel ao seu compromiso e ideais, tamén cando el xa non estaba”, apuntou.

Louzao Dono lembrou aos presentes o forte vínculo que Castelao tiña coa Estrada. “Mocearon e casaron na Estrada, onde paisaxes e patrimonio deixaron pegada na obra do autor. Tamén na Estrada, no cemiterio de Figueiroa, descansan Virxinia e Xesús, o único fillo do matrimonio. No marco deste Ano Cultural a nosa idea é que unha escultura lembre a esta familia nun lugar que leva un nome que non podía ser máis axeitado para eles: praza de Galicia”, trasladou.

“Non hai moito tempo lin completa a carta que Castelao dedicou aos estradenses dende o exilio, e teño que dicir que me emociona profundamente, como estradense e como alcalde”, confesou o mandatario. “Nela latexa o amor que tiña pola terra da súa Virxinia, que me atrevería a dicir que tamén chegou a sentir como propia”, apuntou.

Gonzalo Louzao considerou “tan simbólico como fundamental” que A Estrada e Rianxo estreiten lazos, unindo estes municipios como fixeron na súa vida Castelao e Virxinia. “Esta irmandade entre concellos será o marco no que seguir divulgando e preservando a súa historia que é, ao cabo, a de todos os galegos e galegas”, concluíu.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“La guerra como negocio de la atrocidad”. Alberto Barciela

“La guerra como negocio de la atrocidad”. Alberto Barciela

Asistimos en el tablero de Oriente Próximo a una representación dramática de la discordia entre la moral y la política. El conflicto que involucra a Irán y sus vecinos pone de manifiesto cómo el moralista político -aquel que forja una moral ad hoc para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.