
A Guía Repsol deu a coñecer os nomes dos establecementos galegos acabados de recoñecer, neste inicio de 2026, cos Soles Guía Repsol. Trátase de A Tafona, de Santiago, distinguido con 3 Soles, e de Marna (Pontevedra), Alberte (Vigo), O Secadeiro (Outes), El de Alberto (A Coruña), Gunnen (A Coruña), Vértigo (Sober, Lugo) e Miguel González (O Pereiro de Aguiar, Ourense), recoñecidos cun Sol. Con estas oito incorporacións, Galicia conta cun total de 49 restaurantes galardoados, 34 cun Sol, 12 con dous Soles e 3 con tres Soles.
“A Guía Repsol ten todo o ano posto o radar nos restaurantes que mesturan intelixencia e intuición e búscaos proactivamente polo territorio para que sigamos probando cousas novas”, explicou María Ritter, directora da Guía Repsol, engadindo que “as tendencias gastro evolucionan cada ano e nesta edición 2026 a fusión entre distintas comunidades de España substitúe ás influencias máis exóticas, que tanto tempo prevaleceron nos restaurantes. Hai propostas tamén rupturistas, que conviven con outras máis evocadoras e a conciliación esténdese no sector”.
Respecto de O Secadeiro de Outes, lembrar que recentemente foi galardoado cunha Estrela Verde Michelín e que se trata dun prestixioso establecemento emprazado en Banzas (Outes). Os seus cociñeiros Eva Guzmán e Fernando Rodríguez apostan de cheo polo produto local e por “tratar ben a terra e o produto, ademais de por traballar coa maior naturalidade posíbel”. De feito, poden gabarse de que boa parte do que producen, arredor do 80%, foi elaborado con ingredientes de quilómetro cero. O Secadeiro aséntase nunha antiga construción de pedra, no lugar de Banzas, dende a que Eva e Fernando renden homenaxe ás súas raíces mediante unha carta que explora o produto autóctono para desenvolver as súas posibilidades.

.



