O PSdeG-PSOE de Ribeira emitiu un comunicado no que critica ao Executivo de María Sampedro por “facer”, din, “xusto aquilo que dicía rexeitar cando estaba na oposición: convocar un pleno extraordinario e urxente ao mediodía, trasladar documentación de forma incompleta e impulsar unha proposta que aumenta o gasto corrente mentres reduce o investimento en obras”.

Pleno urxente: só dous días e expedientes “a medias”
Este luns 2 de febreiro de 2026, o Executivo de Sampedro convocou, de maneira extraordinaria e urxente, un pleno para o mércores 4 de febreiro ás 14:15. O PSdeG critica que se convocase “en plena franxa laboral” e lembra que o PP “estivo anos criticando este tipo de horarios, porque tiñan obrigas laborais que agora desapareceron unha vez chegaron ao goberno”, sinala Francisco Suárez-Puerta, portavoz dos socialistas, engadindo que “ademais, a documentación entrégase con só dous días de antelación” e, segundo denuncia o grupo socialista, “de maneira parcial e incompleta”.
Sosteñen que “no expediente faltan documentos esenciais —os proxectos onde poder consultar as memorias descritivas, planos, plans de obra e prazos de execución— de tres actuacións das que só se coñece a denominación e a contía”:
Instalación de servizos no Camiño do Carballal: 140.993,99 €
Pavimentación e rede de pluviais na Rúa Mosqueiros: 101.928,11 €
Pavimentación e renovación de servizos na Rúa Serriño: 114.163,35 €
Estamos polo tanto ante unha cifra total de máis de 357 mil € dos que, sinalan, “a día de hoxe, non se nos traslada información vital para poder valorar o alcance real das obras. Se non sabemos onde empeza e onde remata, non se poderá debater con rigor unha intervención”, sentencia Suárez-Puerta, engadindo que “esta situación impide un estudo serio e dificulta o control político debido”. De feito, di, “nunca se deu unha situación desta maneira mentres o PSdeG formou parte do goberno municipal: sempre se facilitou a información completa”.
O PSdeG amosa o seu asombro pola orientación xeral das cifras: “O executivo de Sampedro pretende destinar máis de 800.000 € a gasto corrente, incrementando unha partida que anteriormente criticaban abertamente”. Ao tempo, din, “o investimento en obras descende en máis de 46.000 €, quedando arredor de 922.000 €”. O resultado, engaden, “é claro: máis gasto corrente e menos investimento en obras”, subliñan desde o grupo socialista, apuntando que “esta forma de actuar vai en contra da finalidade do POS”.
Suárez-Puerta sinala que “a maior parte dos fondos destínase a gasto corrente”, un 61,69% fronte ás obras/investimentos un 38,31%, e que “grazas ao Plan Complementario, no que se destinan 421.835,98 €, as porcentaxes equilíbranse e alcanzan un 53,38% do total en obras e un 46,62% en gasto corrente”.
Ademais, o PSdeG apunta que “o PP, na oposición, presentou unha emenda con 22 obras propostas, pero agora, no goberno, propoñen cousas distintas e desaparecen gran parte das actuacións coas que xeraron debate e expectativas en anos pasados”.
Entre outras, o PSdeG sinala que quedan fóra obras como a zona de ocio no solar de Goda, en Artes; a reforma do solar anexo ao campo de fútbol para aparcadoiro e campo da festa, en Oleiros; a 2ª fase das beirarrúas de Coroso á estrada xeral, “que chegou a levarse a pleno por parte do
PP en dúas ocasión”; a humanización da rúa da Barreira ata a rúa da Habana en Ribeira; e a continuidade de actuacións como a da rúa Bos Aires, en Corrubedo ou a da avenida de Ferrol, en Ribeira..
Por outra banda, o PSdeG advirte de que “as obras seleccionadas non se corresponden coas demandas recollidas na enquisa veciñal de 2025, da que dispoñemos resultados, sorprende este cambio tan drastico nun ano”, mentres zonas como San Roque “eran un clamor agora non se inviste no parque”. Por iso, os socialistas instan o Executivo a facer públicos os resultados da enquisa, “para que a veciñanza poida contrastar que actuacións foron propostas pola cidadanía, cantas veces se repetiron e cales responden a decisión directa do executivo”.
“Facer enquisas para despois non telas en conta non serve de nada”, conclúen.



