O Edificio Casino de Noia foi escenario este venres 27 de febreiro da rolda de prensa de presentación do SKT Fighters XIV – IV Memorial Tono da Silva, unha velada que se celebrará o vindeiro sábado 7 de marzo de 2026 e que converterá novamente a vila nun referente do boxeo galego.
No acto participaron Sandra González, concelleira de Deportes do Concello de Noia; Santi Kiyo, presidente do club organizador; a boxeadora Julia “La Pulguita” Santos; e o profesional Silvestre Gomes.

Un memorial para unha figura clave do deporte noiés
A concelleira de Deportes, Sandra González, puxo en valor a figura de Tono da Silva, destacando que “foi unha persoa enormemente relevante para Noia, non só como gran deportista, senón tamén como adestrador e como impulsor do deporte de base”.
González subliñou que o seu legado “está presente en moitas xeracións de rapaces e rapazas que medraron baixo a súa ensinanza”, e reafirmou o compromiso do Concello co deporte local e con eventos que proxectan o nome de Noia máis alá do municipio.
Agradecemento ao Concello e ao equipo do club
Pola súa banda, Santi Kiyo agradeceu expresamente a colaboración do Concello de Noia para facer realidade unha nova edición da velada. “Sen o apoio do Concello sería moi complicado sacar adiante un evento desta magnitude. Sempre estiveron ao noso lado e iso é de agradecer”, sinalou, destacando o traballo interno do club: “Tamén quero agradecer o enorme esforzo de todo o equipo. Hai moita xente detrás traballando durante meses para que isto sexa posible. Sen eles nada disto sairía adiante”. Kiyo incidiu en que esta 16ª edición do SKT supón “un paso máis na consolidación do boxeo en Noia”, combinando talento amateur, neoprofesional e profesional nunha mesma noite.
Confianza e ambición enriba do ring
A boxeadora Julia “La Pulguita” Santos amosouse segura de cara ao seu combate e destacou a diferenza de idade coa súa rival como un elemento que non lle xera presión: “Hai diferenza de idade, pero eu estou moi preparada. Traballei moito para esta pelexa e vou demostrar enriba do ring o nivel que teño”. Pola súa parte, o ídolo local Silvestre Gomes falou do que supón pelexar na casa e da importancia deste combate na súa carreira profesional: “Pelexar en Noia sempre é especial. A xente apóiame moitísimo e quero brindarlles unha gran noite”. O boxeador destacou ademais que será o seu primeiro combate a seis asaltos xa como profesional: “É o meu primeiro combate a seis rounds como profesional e estou preparado para dar ese paso. Síntome forte e con moita confianza”.
Unha noite de boxeo para a historia
A velada contará con cinco combates amateur, un combate de Boxeo Birmano (Lethwei) —disciplina que se verá por primeira vez en Noia—, un combate neoprofesional (4×3), o esperado Título Neoprofesional entre Angello Vázquez e Juan Iñarrea, e varios combates profesionais, entre eles o de Kike “Rayito” (-54 kg), que buscará a súa sétima vitoria.
O evento comezará ás 18:30 horas coa parte amateur e ás 20:00 horas darán comezo os combates profesionais. As entradas poden adquirirse de maneira anticipada por 13 euros e na billeteira por 15 euros.
En palabras do Concello de Noia, o SKT Fighters XIV – IV Memorial Tono da Silva “promete unha noite de emoción, intensidade e espectáculo, consolidando a Noia como unha das grandes prazas do boxeo en Galicia”.





