
O Concello de Boiro traballa xa na organización da III Feira de Emprego do Barbanza, unha xornada para impulsar o talento e a economía local. A nova edición desta cita terá lugar o xoves 16 de abril no Centro de Formación, Innovación, Emprego e Emprendemento Lab Barbanza, situado no Polígono de Espiñeira.
O Concello explicou que tralo éxito de edicións anteriores, esta terceira convocatoria consolida o compromiso da feira co desenvolvemento económico e coa creación de oportunidades laborais na comarca do Barbanza, buscando fortalecer o vínculo entre empresas e persoas en procura activa de emprego.
A cita desenvolverase durante unha xornada e contará coa participación de empresas de distintos sectores produtivos, entidades formativas e servizos de orientación laboral. Durante a xornada desenvolveranse simultaneamente foros para empresarios, charlas de interese relacionadas co emprego e a mellora da empregabilidade e as novas tendencias do mercado laboral. Ademais, as persoas asistentes poderán entregar os seus currículos nos stands das empresas participantes.
A participación das empresas nos foros de temática laboral e empresarial que se van levar a cabo serven para fortalecer a competitividade, reputación e capacidade de adaptación.
“En canto ás persoas que están en busca activa de emprego, esta feira é unha oportunidade única para recibir asesoramento sobre orientación laboral, ter acceso directo a empresas con procesos de selección abertos, coñecer de primeira man que perfiles se demandan no mercado e que competencias son as máis valoradas”, informou o Concello.
Con esta III Feira de Emprego do Barbanza o Concello de Boiro reafirma a súa aposta por contribuír á dinamización do mercado laboral, fomentar a colaboración público-privada e xerar novas oportunidades para a veciñanza e as empresas.



