O BNG demanda accións de urxencia para paliar a mortaldade masiva de berberechos na ría de Muros e Noia

05 Febreiro 2026


O Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha serie de iniciativas no Parlamento galego en relación co grave episodio de mortaldade de bivalvos rexistrado na ría de Muros e Noia, en palabras do grupo “unha situación límite para o sector marisqueiro”. Sinalan que as persistentes choivas dos últimos meses e a baixa salinidade da auga provocada polas treboadas están a xerar imaxes impactantes nos bancos marisqueiros, provocando que os traballadores e traballadoras do mar estean alerta. Segundo as mostras analizadas o pasado mércores pola Confraría de Noia, a mortaldade do berberecho sitúase entre o 70% e o 80%, “unha cifra alarmante que deixa ao sector marisqueiro nunha enorme situación de preocupación”.

O BNG apunta que “este novo episodio prodúcese nun contexto especialmente delicado, cando o sector aínda sofre as consecuencias das choivas e riadas do ano 2023, e cando a recuperación dos bivalvos segue sen ser unha realidade, tanto en Noia como no conxunto do país”. Atendendo a esta eiva, o BNG rexistrou unha batería de preguntas no Parlamento de Galiza para coñecer cal é o grao real de implicación do Goberno autonómico ante este grave problema que afecta a toda a ría de Muros-Noia. A iniciativa presentada pola deputada nacionalista Rosana Pérez, ten como obxectivo “instar á Consellaría do Mar a actuar de maneira inmediata para evitar consecuencias nefastas para a produtividade da ría, moitas delas evitábeis e que levan anos castigando ao sector”.

Denuncian que “o sector marisqueiro leva tempo denunciando a falta de apoio, orzamento, estudos e actuacións firmes por parte do Goberno galego”. Para o BNG, a Consellaría do Mar debe facer fronte con tódolos medios a esta situación de adversidade meteorolóxica cada vez máis frecuente. O grupo parlamentario do BNG lembra que “medidas como a regulación do baleirado e limpeza dos encoros, a posta en marcha dun seguro colectivo para cubrir as perdas económicas ou o desenvolvemento de proxectos de semente de moluscos foron propostas pola formación nacionalista e rexeitadas polo Partido Popular, ou que malia a seren aprobadas, nunca se levaron a cabo”.

E engaden: “As políticas que a Consellaría do Mar asegura ter posto en marcha non se traduciron nin na recuperación da produtividade, nin no aumento dos postos de traballo, pero nin sequera no mantemento dos existentes”.

Por todo isto, o BNG insta á Xunta de Galiza, gobernada polo Partido Popular, a “asumir as súas competencias e adoptar medidas urxentes e eficaces para garantir o futuro do sector marisqueiro fronte o desleixo sistemático ao sector por parte do Goberno autonómico”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.