O 112 Galicia xestiona 300 incidencias relacionadas coa borrasca Nils

11 Febreiro 2026

O 112 Galicia xestionou un total de 300 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa dende a medianoite ata as 18 horas de hoxe. Cómpre lembrar que nestes momentos permanecen vixentes alertas de nivel laranxa por chuvias e vento, así como un costeiro laranxa que acadará o nivel vermello no noroeste da Coruña ao longo das próximas horas. O Plan Inungal mantense activo en fase de preemerxencia.

No que respecta ás incidencias máis repetidas, destacan a caída de árbores e pólas nas vías de circulación, con 104 casos rexistrados. Tamén foron recorrentes as intervencións por restos de accidentes e obxectos desprazados sobre o asfalto (17), así como as actuacións de prevención de riscos (como o apuntalamento de elementos inestables ou o saneamento de fachadas polos efectos do vento), con 28 actuacións. Finalmente, a intensidade das precipitacións deixou casos de asolagamentos en rúas (3), garaxes (1) e vivendas (3), así como bolsas de auga en diversas estradas. Durante o día tamén se contabilizaron 54 accidentes en estradas, 35 deles sen danos persoais. En dúas ocasións precisouse a intervención dos servizos de emerxencias para liberar a algún dos implicados.

En canto á distribución das incidencias, Pontevedra é a provincia máis afectada con 129 casos, seguida da Coruña con 101, Lugo con 42 e Ourense con 28. Os concellos con máis rexistros foron Vigo con 18, A Estrada e Lugo (10 cada un), A Coruña (9), Pontevedra (9) e Moaña (8).

Incidencias destacadas
Entre as incidencias máis destacadas rexistradas hoxe polo 112 Galicia figuran varios casos que requiriron a intervención dos servizos de emerxencias. Ás 15 horas, unha muller resultou ferida en Caldas de Reis despois de que unha árbore caese sobre o seu vehículo na EP-8002, en César; inicialmente pensouse que estaba atrapada, pero puido ser sacada sen excarceración e foi trasladada ao Hospital de Montecelo por Urxencias Sanitarias de Galicia-061, mentres que os Bombeiros do Salnés e Protección Civil de Cuntis liberaron o coche.

Tras recibir aviso ás 12 horas, o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axega colaborou no achique de auga no colexio de Mondariz-Balneario, xunto ao GES-SPEIS de Ponteareas e a Garda Civil. Ademais, o vento provocou caídas de uralitas e partes de fachadas sen danos persoais en diferentes puntos da comunidade. Por exemplo, en Pontevedra, onde afectaron a varios coches ou en Mos, onde se desprendeu o tellado dunha nave sen provocar danos persoais.

Dende o 112 Galicia recoméndase á cidadanía extremar a precaución nas zonas afectadas, evitar desprazamentos innecesarios e non achegarse a ríos, zonas costeiras ou áreas con risco de desprendementos.

Alertas activas
Arestora, permanece vixente unha alerta laranxa por fortes ventos no noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo, mentres que o resto da provincia da Coruña, Ourense e o centro e sur de Lugo están en nivel amarelo. Todo o litoral galego atópase en alerta laranxa, e espérase un empeoramento a última hora do día no noroeste da Coruña, onde se acadará o nivel vermello. Ademais, activouse unha alerta laranxa por chuvias intensas no interior de Pontevedra, e varias zonas de Lugo, Ourense e Pontevedra continúan en amarelo por precipitacións.

No marco do Plan Inungal, varios ríos presentan niveis elevados. O listado actualizado está publicado na web da Axega.

Outros artigos

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...