Educación convoca 1.601 prazas en 42 especialidades nas oposicións docentes de 2026

04 Febreiro 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, presentou este mércores a oferta pública de emprego docente para 2026, que inclúe 1.601 prazas repartidas en 42 especialidades. A convocatoria abrangue 476 prazas para mestres, 852 para profesores de secundaria e 60 para docentes especialistas en sectores singulares da Formación Profesional (FP).

Segundo detallou Rodríguez, 1.388 prazas serán de novo ingreso, o 86,7% do total, mentres que as 213 restantes destinaranse á promoción interna, para o paso do corpo de mestres ao de profesorado de ensino secundario.

Por corpos, as oposicións de mestre abranguen oito especialidades: Educación Infantil (80), Inglés (45), Francés (35), Educación Física (25), Música (30), Pedagoxía Terapéutica (95), Audición e Linguaxe (41) e Educación Primaria (125). No corpo de profesores de secundaria inclúense 29 especialidades, entre elas Inglés (147), Lingua e Literatura Galega (80), Matemáticas (50), Lingua Castelá e Literatura (35) ou Xeografía e Historia (50). Tamén se convocan 60 prazas en cinco especialidades de FP, como Mantemento de Vehículos (20), Soldadura (14), Cociña e Pastelería (12), Estética (7) e Carpintaría e Moble (7).

O titular de Educación salientou o reforzo nas áreas clave, con especial atención á diversidade, ao convocar 136 prazas nas especialidades de Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica, “un 46% máis ca en 2025”. Tamén destacou o incremento en linguas estranxeiras, con 229 prazas de inglés e 54 de francés entre todos os corpos docentes. Ademais, reforzaranse materias nas que “se estaban esgotando as listas de substitucións”, como Latín (35 prazas) e Soldadura (14).

Rodríguez lembrou que a Consellería “convoca o máximo de prazas posibles por lei, esgotando o 120% da taxa de reposición”, e anunciou que as probas terán lugar en xuño e xullo, co obxectivo de incorporar o novo persoal aos centros o 1 de setembro. Como novidade, os interinos non estarán obrigados a presentarse ás probas, en virtude do acordo cos sindicatos CCOO, ANPE, UXT e CSIF, para “axilizar o proceso”.

A distribución definitiva das prazas analizarase o 10 de febreiro na mesa sectorial de Educación, xunto co decreto de oferta pública de emprego e a orde de convocatoria. Porén, varios sindicatos cuestionaron o procedemento. ANPE advertiu que a reunión “podería quedar reducida a un mero trámite informativo”, mentres que CCOO criticou a “falta de transparencia e diálogo”. CIG-Ensino denunciou que “todo está xa pechado”, e o secretario xeral de UXT Galicia, Cristóbal Medeiros, acusou o conselleiro de reiterar a “práctica habitual” de facer anuncios públicos antes da negociación formal.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.