
Este mércores 18 de febreiro o Concello de Noia, o Club Trabandainas e a Federación Galega de Montañismo xuntaron forzas para presentar a nova edición da Andaina Noia 15km-25km, que se celebra no termo municipal este domingo 22 de febreiro.
O Concello explicou que se trata dunha cita que “xa se está a converter nun referente do sendeirismo, combinando deporte, natureza e a posta en valor da nosa contorna”.
Dende a organización da cita deportiva sinalaron tamén que “as 700 persoas inscritas confirman o éxito dunha iniciativa que encherá Noia de movemento e bo ambiente”.
A andaina forma parte da Liga Galega de Sendeirismo. Constará de dúas rutas, unha longa de 25 quilómetros e outra curta de 15, con punto de saída e chegada para as dúas no IES Campo de San Alberto.
Prevese unha participación final (coas inscricións destes días) dunhas 800 persoas.
O Concello agradeceu a implicación do Club Trabandainas polo “seu traballo e implicación, e por seguir apostando por actividades que fomentan hábitos saudábeis e dinamizan o noso municipio”.



