Andrea F. Maneiro presenta “Meridiano orixe” este venres no Centro Social de Boiro

19 Febreiro 2026

Este venres 20 de febreiro vaise presentar no Centro Social de Boiro o libro Meridiano orixe de Andrea F. Maneiro. A cita (que inclúe unha lectura poética de homenaxe a Rosalía de Castro) será ás 20.30 horas e contará coa presenza da autora, acompañada das tamén escritoras Enma Pedreira e Patricia Torrado (poeta e escritora de Porto do Son, integrante da Asociación Cultural Barbantia). A vertente musical virá da man de Manel Dopico.

A presentación está organizada por Barbantia (no marco das celebracións do Día de Rosalía) en colaboración coa Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, o Concello de Boiro, a Deputación da Coruña e Alvarellos Editora.

Meridiano Orixe, libro galardoado co Premio de Poesía do Concello de Vilalba, está editado polo selo compostelán Alvarellos Editora.

O volume, publicado na colección Libros do Sarela, foi galardoado na edición número 50 do Premio de Poesía do Concello de Vilalba e constitúe en palabras da editorial “un espectacular libro de viaxes que percorre medio mundo abandeirando o verso e captando ese intre fotográfico fuxidío de rostros e paisaxes”.

Viaxes por Exipto, Vietnam, a India, Porto, Chipre, Romanía, Compostela ou Carril…

Enma Pedreira afirma o seguinte sobre o presente poemario: “Andrea non é poeta, é perfumista. Só ela podería trenzar unha ruta da seda cunha senda das especias e que funcionase como o trazado dunha espiña dorsal sinestésica. Columnata meridiana”.

Andrea F. Maneiro (Carril, 1964). De oficio, locutora radiofónica. Viaxeira e fotógrafa afeccionada que capta en poemas e instantáneas esa emoción dos intres efémeros. No seu andel loce algúns galardóns literarios, entre os que destacan o IX Premio de poesía Leiras Pulpeiro polo poema «Inventario dun adeus», o V Premio Torre de Caldaloba coa obra Contratempos, o XVI Certame de poesía erótica Illas Sisargas por Edénicas ou o IV Premio de poesía Eduardo Pondal, por Voto de silencio. Fotografía da autora: José Luis Oubiña.”

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.