A Concellería de Cultura de Ribeira abriu o prazo de inscrición para a III Mostra de Mulleres Creadoras de Ribeira. Poderá participar calquera muller creadora que teña inquedanza por expoñer as súas obras artísticas de pintura, debuxo, gravado, fotografía, artesanía, escultura ou outras disciplinas. Seleccionaranse 30 participantes para que na sala a mostra estea ben distribuída e poidan figurar no catálogo (aínda que dependendo dos tamaños poden ser ata 35 obras/participante máximo). Admitirase un máximo dunha obra por persoa (a non ser que unha mesma obra a compoñan varias pezas tipo díptico, tríptico, etc).

O tamaño máximo das pezas non poderá superar 1,20×1,20 metros co fin de que poidan garantirse ao menos as 30 participantes na exposición.
Segundo informou o Concello, haberá unha orde0 de prioridade para a selección das participantes no caso de rexistrar máis solicitudes que prazas dispoñíbeis:
1º Mulleres artistas empadroadas en Ribeira e que non expuxeran na anterior mostra do ano 2025.
2º Mulleres artistas empadroadas noutros lugares e que non expuxeran na anterior mostra do ano 2025.
3º Mulleres artistas empadroadas en Ribeira que expuxeran na mostra do ano anterior.
4º Mulleres artistas empadroadas noutros lugares que expuxeran na mostra do ano anterior.
As persoas interesadas teñen que enviar un correo electrónico do 4 ao 15 de febreiro (ambos incluídos) a culturaefestexos@ribeira.gal cos seus datos de contacto e achegando a seguinte documentación obrigatoria: unha fotografía da peza (resolución mínima 600 ppp ou alta calidade de impresión); un documento Word (ou formato editábel) cos datos técnicos da obra: título, autoría ou pseudónimo, técnica, ano e tamaño; un documento word (ou formato editábel) cun poema/texto/reflexión persoal que faga alusión á obra presentada e que se recollerá no catálogo (máximo 800 caracteres); e unha pequena biografía da autora (máximo 600 caracteres) para custodiar no departamento municipal.
O catálogo editarase en formato cadrado (22 x 22 cm) e acompañará á inauguración da exposición o venres 6 de marzo.



