
A cor, a orixinalidade e a creatividade tomaron as rúas da A Pobra do Caramiñal co seu clásico desfile de disfraces e carrozas, que reuniu preto de 500 participantes entre persoas disfrazadas, integrantes das carrozas e das comparsas Samieira, Os da caña, As sonecas e Cor Café. O percorrido comezou na Covecha e rematou na rúa Castelao, no colexio Fernández Varela, lugar no que se celebrou o concurso.

En total, houbo media ducia de inscricións na categoría de parellas e disfrace individual, catro no apartado de grupos e cinco no de carrozas, o que confirma o bo nivel de participación e implicación da veciñanza. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, felicitou todas as persoas inscritas e recoñeceu “a súa creatividade e o seu esforzo por manter vivo o espírito do Entroido no municipio”.
A cita concluíu coa entrega dos premios ás mellores creacións, con galardóns económicos en todas as categorías. Nesta edición, o Concello fixo unha achega de 200 euros a cada carroza inscrita e estableceu, ademais, un primeiro, segundo, terceiro e cuarto premio por categoría, cun reparto previsto de 1.850 euros no apartado de carrozas, 1.450 euros no de grupos e 775 euros no das parellas e disfraces individuais.

A programación do Entroido continuará mañá, sábado 21 de febreiro, co tradicional Enterro do Filipiño, organizado pola veciñanza do Xobre, cunha procesión que sairá do campo de Cabío acompañada polo grupo de gaitas Trécola e pola charanga Os Encerellados, para rematar coa queima do monicreque no pantalán. O calendario festivo pecharase co Domingo de Piñata, impulsado pola veciñanza da Crocha, que incluirá música tradicional, unha gran chocolatada e o sorteo de lacóns como colofón ás celebracións do Entroido.




