O deputado provincial Antonio Leira participou este sábado 31 de xaneiro no acto de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao celebrado no Paseo da Ribeira e no Pazo de Martelo de Rianxo, coincidindo coa conmemoración do 140 aniversario do nacemento do rianxeiro máis universal.

No acto, organizado polo Concello de Rianxo, interviron tamén o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, que destacaron “a dimensión histórica, cultural e simbólica da figura de Castelao e a súa fonda pegada na identidade galega”.
Durante a súa intervención, Leira subliñou que Castelao foi “a conciencia moral de Galicia”, unha figura que transcendeu o ámbito artístico e político para converterse nun referente ético e colectivo do país. “A través da súa obra literaria, artística e do seu pensamento, soubo retratar coma ninguén a alma do noso pobo: as dores, as esperanzas, a dignidade e tamén a retranca”, sinalou.
O representante da Deputación destacou tamén a defensa firme e constante da lingua galega por parte de Castelao, lembrando que entendía a lingua como “a nosa maneira de sentir e de estar no mundo” e como un elemento esencial para garantir o futuro de Galicia como pobo. Leira puxo en valor, ademais, o papel de Castelao durante o exilio, cando “desde lonxe mantivo acesa a chama da galeguidade, converténdose nun referente moral para unha Galicia que resistía dentro e fóra das súas fronteiras”.
Antono Leira afirmou que o legado de Castelao segue hoxe plenamente vixente, xa que representa valores que continúan unindo á sociedade galega: a defensa da lingua e da cultura propias, a xustiza social, a liberdade e a dignidade colectiva.
O deputado reiterou o compromiso da institución provincial coa cultura, coa lingua galega e coa memoria democrática, e salientou o significado especial de celebrar este acto en Rianxo, “unha vila que non só viu nacer a Castelao, senón que segue demostrando que a cultura e a identidade son piares fundamentais para construír futuro”.




